Amosan as características de Android desenvolvidas ata o momento

xoves, 29 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os móbiles con Android poden acceder ao servizo Street View

Aínda falta para que o vexamos no mercado, pero o sistema operativo para móbiles que Google está a desenvolver con outras empresas vai por bo camiño, e na conferencia Google I/O se viron algunhas das súas presentacións en vivo.
Steve Horowitz, un dos responsables de Android, amosou un terminal co sistema operativo en desenvolvemento, e o empregou para navegar pola web e mesmo para acceder ao servizo de Street View de Google, de xeito que se podía mover virtualmente polas rúas dende o seu teléfono, o que resultará moi práctico de cara a desprazarnos no mundo real, creando unha opción máis de navegación dende o móbil.
Imaxe do menú de AndroidO escritorio de Android tamén pode presentar información de utilidade, como a chegada de correos electrónicos, chamadas perdidas ou anotacións na axenda. Polo momento Android soporta pantallas táctiles pero non multi-táctiles (coma o iPhone) o que poderían solucionar nas seguintes versións do sistema operativo, aínda que non esqueceron detallar que as pantallas táctiles non son estritamente necesarias, polo que se podería instalar en terminais telefónicos relativamente sinxelos.
Tamén lembraron que non agardan que a primeira versión oficial de Android non chegue ata a segunda metade de 2008, de xeito que antes de rematar o ano poderiamos ver móbiles con esta plataforma que aínda tardará en facerse notar, xa que ten que competir con plataformas moi consolidadas coma Windows Mobile, Mac OS X e Symbian.


Vídeo da demostración pública de Android

PUBLICIDADE