Amosan cal sería a aparencia dos xogos de Wii en alta definición

luns, 30 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O Super Smash Bros Brawl gaña bastante a 720p

Durante os últimos días causou furor unha serie de vídeos en YouTube nos que amosan cómo sería a Wii de Nintendo se fose unha consola de alta definición, sorprendendo polos seus excelentes gráficos en xogos que non foron deseñados para tal resolución.
¿Cómo foi posible realizar tal simulación? Pois simplemente facendo uso dun emulador para PC chamado Dolphin, que é capaz de facer correr nun ordenador persoal xogos de GameCube e Wii, o que no caso dun equipo de altas prestacións podería chegar a presentar gráficos en alta definición (720 ou 1.080p) pese a que a consola doméstica de Nintendo estea pensada para unha resolución estándar de 480p.
Os gráficos melloran a través deste emulador só nos casos nos que os xogos teñan gráficos 3D, pois os modelos tridimensionais renderízanse con máis número de polígonos, de aí que consigan un detalle moi superior ao que están afeitos os usuarios da Wii, mentres que os xogos 2D non gañarían en calidade, pero o interesante deste experimento é que podería sentar o alicerces dunha futura consola doméstica, pois demostraríase que os xogos de Wii poderían chegar a verse moito mellor en alta definición sen facer uso dun simple reescalado, polo que nunha futura Wii HD os vellos xogos gozarían unha aparencia bastante digna (aínda que non hai que esquecer que están deseñados para definición estándar, polo que non resisten a comparación con xogos de Xbox 360 ou PS3).


Super Smash Bros Brawl gaña moito a 720p


Final Fantasy Crystal Chronicles: My Life as a King ten moi boa pinta ao verse en alta definición


Tatsunoko vs Capcom apenas gañaría calidade por ser un xogo 2D

PUBLICIDADE