Ampla participación para as xornadas de tradución de software libre que comezan este xoves na USC

mércores, 29 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O software libre, máis que ningún outro, baséase na colaboración en liña. Porén, malia os altos niveis de actividade que está a acadar o colectivo de usuarios e deseñadores de programación aberta na mellora de ferramentas e no desenvolvemento de outros novos, cómpre ampliar o club na medida do posible. Para isto, nada mellor que explicar en que consiste este tecido de cooperación que facéndoo visible, coma se a Rede collese corpo. Disto e de galeguizar esa Rede trata a actividade que organiza estes días a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería, o primeiro ETSE Open de Software Libre. Ou, o que é o mesmo, un obradoiro colectivo para localizar ao galego diversas aplicacións informáticas abertas e, de paso, informar polo miúdo de en que consiste o movemento do código aberto. Segundo informa a Universidade de Santiago, a actividade está a espertar moito máis interese do agardado: xa se desbordaron as previsións da matrícula con medio cento de estudantes preparándose para traballar de xeito conxunto este xoves 30 de abril na sede da ETSE.
Por certo que o obxectivo primordial dos participantes e organizadores será o contorno de programación NetBeans, ferramenta que inclúe unhas 20.000 cadeas para trasladar ao noso idioma.
Do que se trata, máis polo miúdo, é de impulsar –coa debida formación técnica- a aprendizaxe dunha comunidade universitaria que poida traducir ao galego software de uso docente na Escola para máis adiante participar noutros eventos de localización na USC. Asemade, procúrase contar con ferramentas informáticas en galego que fagan máis doada a incorporación e o emprego pleno da nosa lingua no eido docente.
A proposta, sinala a USC, inclúe dúas actividades complementarias: unha primeira formativa sobre os alicerces técnicos e prácticos para traballar en proxectos de tradución e unha segunda de tipo práctico na que se abordará a aplicación do galego a unha serie de ferramentas libres empregadas entre o corpo docente. Disto precisamente trata a sesión-obradorio deste xoves, unha xuntanza que dará comezo na aula de informática 6 do Monte da Condesa e na que participarán os técnicos e lingüistas da Oficina de Software Libre da USC introducindo aos participantes nos segredos do traballo de localización. As aulas, por certo, repetiranse o vindeiro 7 de maio, estando previsto para o día 8 unha reunión na ETSE para “compartir música, comida, conversa e traballo de localización”. Haberá mesmo un premio Máis e mellor para aquel equipo que sexa quen de traducir máis cantidade de cadeas e coa maior calidade.

PUBLICIDADE