Amplíase até o mércores 15 o prazo de candidaturas aos Premios Galicia das Telecomunicacións
luns, 13 de xullo do 2015
- Os premiados na edición 2014 dos galardóns
O
prazo para a presentación de candidaturas aos
Premios Galicia das Telecomunicacións 2015 convocados polo COETG e a
AETG amplíase finalmente até o mércores 15 de xullo. Segundo
informa o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicación de Galicia, estes galardóns son “unha excelente
plataforma para a promoción e proxección das empresas e
profesionais galegos e para os produtos e servizos que se están a
desenvolver no sector TIC en Galicia”. Serán entregados
durante a XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da
Información 2015, organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de
Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) que terá
lugar o 25 de setembro de 2015 no Gran Hotel da Toxa baixo o lema Un
mundo conectado.
Por galardóns e obxectivos, lembrar que estamos a
falar de catro distincións e que o Premio Gerardo García Campos
á mellor iniciativa empresarial TIC, o Premio Gradiant á
Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC e o Premio Ineo
ao produto ou servizo TIC orientado ao Internet das cousas 2015,
teñen por obxecto “potenciar o noso sector salientando aquelas
empresas, desenvolvementos e investigacións aplicadas con maior
posibilidade de crecemento e proxección”. Convócase tamén o
Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015,
en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA), destinado a recoñecer os mellores proxectos no
ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que
contribúan e acheguen beneficios á sociedade.
Estes son son os
galardóns, punto por punto e especificándose a quen se dirixe e
cales son as recompensas incluídas ao seu abeiro:
Premio
Gerardo García Campos
A Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Gerardo García
Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2015,
patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros, é
unha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes
no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación que
representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso
económico, empresarial e social a aquelas empresas que están
empezando a súa andaina.
Premio Gradiant á Mellor Tese
Doutoral
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación
de Galicia convoca o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral
aplicada ao sector TIC 2015. Coa concesión desta distinción
patrocinada pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións
de Galicia (Gradiant) e dotada con 2.000 euros, preténdese fomentar
a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no
mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a
aqueles investigadores das universidades galegas que teñan
completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais
A
Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o
Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015,
que xa se ven concedendo dende hai algúns anos xunto co resto de
galardóns no marco da Noite Galega das Telecomunicacións e da
Sociedade da Información, en colaboración coa Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia.
Este premio de carácter honorífico, pretende recoñecer os mellores
proxectos no ámbito das TIC que contribúan e aporten beneficios á
sociedade.
Premio Ineo ao produto ou servizo TIC orientado
á Internet das Cousas
A Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Ineo ao produto ou
servizo TIC orientado á Internet das cousas 2015, patrocinado pola
Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e
Comunicación (Ineo) e de carácter honorífico, está destinado a
recoñecer ás empresas que estean a contribuír á modernización e
á innovación na economía galega.