Android 5.0 impulsa a renovación das aplicacións de Google

luns, 3 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Tumblr e BuzzFeed adaptáronse a material design

Coa chegada do Nexus 9 a Google Play, de xeito que xa pode mercarse a primeira tableta con Lollipop dende España, temos que Google está a renovar o seu software para dispositivos móbiles, adaptándoo a material design (unha das novidades máis significativas do novo Android), a vez que desvelan que hoxe mesmo comezan a distribución dixital da actualización a Android 5.0 (que chegará inicialmente aos dispositivos da gama Nexus).
Este novo deseño de aplicacións aposta por dar ao software a aparencia de elementos do mundo real, como o papel e a tinta, á vez que empregan cores fortes e tipografía ancha, así como unha xerarquía clara e un enfoque que faciliten que prestemos atención ao contido.


Un exemplo de aplicación que está a renovarse é Google Calendar, a ferramenta de calendario que xa non se limita a recoller os elementos que apuntemos na axenda, senón que reforza o seu rol de servizo, e que, por exemplo, engade de xeito automático ao noso calendario elementos que recibamos por correo electrónico (como cando contratamos un voo, facermos unha reserva hoteleira ou mercamos a entrada dun concerto), inclúe suxestións para aforrar tempo ao usuario, e inclúe unha vista de axenda que inclúe fotografías e mapas dos lugares ao que iremos, así como ilustracións de eventos habituais para facer moito máis visual a consulta dos nosos calendarios. Esta aplicación está xa dispoñible para os terminais con Android 5.0, aínda que máis adiante tamén estará dispoñible para calquera trebello con Android 4.1 ou superior.


Vídeo de presentación do novo Google Calendar

Na mesma liña tamén está a actualizarse a aplicación oficial de Gmail para Android, que incorpora un estilo gráfico novo, transicións máis agradables e outros cambios de interface como o feito de que na parte inferior de cada mensaxe temos un botón de resposta, facendo máis rápido e doado continuar unha conversa cando estamos en mobilidade.
Pero a principal actualización para moitos usuarios non correspondería aos cambios de interface, senón ao feito de que agora este cliente de correo electrónico soporte outros provedores que empreguen tecnoloxías POP/IMAP como Yahoo Mail ou Outlook.com, de xeito que dende a mesma aplicación coa que xestionarmos o correo de Google podemos tamén xestionar outras contas de e-mail.


Vídeo de presentación da nova aplicación de Gmail para Android

PUBLICIDADE