Android 9 Pie incorpora compatibilidade co mando de Xbox One S

venres, 24 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Hai un par de anos o lanzamento da Xbox One S veu acompañado cunha mellora no mando da consola de Microsoft, que incorporaba agora, de xeito adicional, tecnoloxía de comunicación sen fíos Bluetooth, o que facilita, entre outras cousas, o aproveitamento do mando en numerosos equipos informáticos sen ter que empregar un receptor especial, e agora desvelan que a última versión de Android inclúe o mapeado deste mando.
Deste xeito, os smartphones e tabletas que teñan Android 9 Pie poderán empregar, nos xogos compatibles con mandos externos, o gamepad da Xbox One S, o que é unha magnífica nova, xa que evita a compra dun mando adicional e, ademais, facilita un maior aproveitamento do que é un dos mellores mandos actuais.
Lembremos que en breve Fortnite para Android (aínda en beta) vai contar con soporte para mandos externos, e poder aproveitar o mando de Xbox One S no teléfono ou na tableta permitirá trasladar case dun xeito perfecto a experiencia de xogo en PC ou consola a un dispositivo móbil.

PUBLICIDADE