Anuncian oficialmente o xogo Diablo III para PC e Mac

luns, 30 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Durante a Worldwide Invitational en París, Mike Morhaime, presidente e co-fundador de Blizzard, sorprendeu anunciando que están a traballar na creación do videoxogo Diablo III, anuncio moi ben recibido, que coincidiu co lanzamento da páxina web oficial do xogo e mesmo un teaser do mesmo.
Deste xeito, os seguidores da saga de Diablo poden comprobar en primeira persoa que o futuro xogo non é fume (coma o Duke Nukem Forever) e xa se poden ver imaxes do xogo en acción e moita información, destacando o feito de que o xogo sairá simultaneamente para PC e Mac.
O novo xogo sitúase dúas décadas no futuro da anterior entrega, nun momento no que os heroes deberán volver a defender o mundo de fantasía de Santuario ante unha nova ameaza das forzas da escuridade. Incluirá moitas novidades con respecto a Diablo II, pero continuará a estar centrado no xogo cooperativo en liña e recuperará a personaxes coñecidos para os seguidores da saga.
Quedan aínda moitas incógnitas sobre o futuro título, que promete sorprende aos xogadores, descoñecéndose tamén a súa data de lanzamento, aínda que dende Blizzard esforzaranse para que saia en todo o mundo á vez (presumiblemente con varias versións localizadas).


Avance promocional do xogo

PUBLICIDADE