Anuncian unha versión mini do Commodore Amiga 500

martes, 10 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A febre das consolas retro non cesa, e os responsables do lanzamento da versión mini do Commodore 64 anuncian The A500 Mini, unha máquina inspirada no clásico Commodore Amiga 500, con licenza oficial, que chegará a primeiros de 2022 nun formato compacto e integrando 25 xogos de Amiga moi representativos como Worms, The Chaos Engine, Another World, Zool: Ninja of the Nth Dimension, Battle Chess e Simon The Sorcerer, permitindo tamén a carga externa de xogos a través de USB, o que fará que máis de un considere pagar os 129,99 euros que custará o dispositivo.
The A500 Mini será distribuído por Koch Media e incluirá un rato de 2 botóns que replica o rato orixinal de Amiga, así como un novo mando con 8 botóns que facilitará o control dos xogos, aínda que tamén será posible empregar teclados de PC para contar con máis funcionalidades.
Esta nova máquina poderá conectarse a pantallas modernas mediante HDMI, contando con opcións para elixir entre unha velocidade de refresco de 50 ou 60 Hz, así como aplicar filtros CRT e varias opcións de escalado (para poder así conseguir o efecto retro que cada un prefira). Tamén permitirá gardar partidas e empregar o USB para actualizar o firmware ou cargar software.

Vídeo promocional do The A500 Mini

PUBLICIDADE