Aparece na App Store unha versión ilegal de Cuphead

luns, 18 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe creouse un grande rebumbio ao redor da aparición dun novo xogo na App Store que parecía ser unha versión de Cuphead, xoia independente de StudioMDHR que está a trunfar en PC e Xbox One á vez que recibe numerosos galardóns polo seu deseño e a súa ambientación musical. Inicialmente parecía que estabamos ante unha conversión do título orixinal, o que resultaba moi raro, xa que un lanzamento de tal nivel no é habitual que chegue por sorpresa, e os propios responsables do xogo tiveron que saír á palestra para denunciar que o xogo era fraudulento, e constatar que xa solicitaran a súa eliminación.
Resulta bastante preocupante que a unha tenda de aplicacións como a de Apple, na que teñen un rigoroso proceso de comprobación dos contidos publicados, puidéselles coarse unha versión ilegal dun dos xogos do ano, indicando que o proceso de validación das aplicacións céntrase máis en formalidades que en protexer os intereses de desenvolvedores lexítimos.
Non son poucas as aplicacións falsas que se teñen colado na App Store nos últimos anos, pero desta volta a sorpresa veu do feito de que, cando alguén se poñía a botar unha partida ao xogo pirata resultaba case imposible dicir que estaba diante dunha falsificación, xa que estabamos ante unha aplicación de 1,9 GB de tamaño, cos vídeos e os gráficos do xogo para PC e unha chea de elementos idénticos ao orixinal, o que resulta especialmente preocupante.
De feito, rumoréase que o Cuphead para iOS podería terse realizado partindo dos contidos orixinais do xogo (subtraídos por algún empregado descontento), aínda que as explicacións dunha versión de tanta calidade poderían ser outras (como que a aplicación fose realmente un emulador cunha versión reducida do xogo orixinal). Polo momento descoñécense os detalles do acontecido, pero deberían levar a Apple a reflexionar sobre os controis que establecen á hora de aceptar a desenvolvedores fraudulentos (xa que facíanse pasar polo Studio Moldenhauer) na súa tenda dixital.

Vídeo no que podemos ver un par de minutos do falso Cuphead para iOS

PUBLICIDADE