Aplex Factory lanza a web Pictocontos para axudar aos nenos autistas a relacionarse coa súa contorna

mércores, 3 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Coincidindo co Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (onte martes), chegounos á redacción de Código Cero un novo e interesante achado en materia de tecnoloxía ao servizo das persoas que sofren o devandito trastorno. O achado en cuestión, de autoría galega, chámase Pictocontos, e ten o punto de partida nun potencial que vén de moito antigo: o potencial dos relatos narrados para atraer a atención e a interacción dos cativos. Desta volta, isto faise empregando pictogramas ao servizo dunha mellor comprensión da contorna dos nenos usuarios, botando man de historias clásicas, de abondo coñecidas, e buscando estimular o maxín dos rapaces e máis a súa capacidade de linguaxe.
A finalidade destes relatos con pictogramas, contan os seus responsábeis, é permitir variadas opcións á hora de adaptarse ás necesidades de cada usuario; por tanto, amplíase o seu radio alcance (de feito, agárdase que poidan ser de utilidade para moitos nenos con dificultades de expresión oral). Amais do devandito, cómpre sinalar que se trata dunha aplicación de balde inserida dentro dun acubillo máis amplo (pictoaplicaciones.com) de ferramentas creadas para mellorar a comunicación das persoas con dificultades para expresarse. Estes e outros recursos veñen da man de Aplex Factory, a división para o desenvolvemento de aplicacións propias do Grupo Promedia SMPE, con sede de seu en Milladoiro (Ames). “Os nosos pictocontos”, din, “teñen como particularidade que os pictogramas poden ser modificados nas opcións do conto, para amosalos a un maior tamaño e gañar en visibilidade, situar o texto con respecto ao pictograma para afacerse ao uso habitual do neno, elixir se se desexa ver en maiúsculas ou minúsculas incluíndo as palabras escritas que van no interior dos pictogramas, pór o bordo dos pictogramas en cor para diferenciar as categorías de palabras, elixir entre 6 tipos de fontes diferentes, dar a posibilidade de mostrar ou ocultar a frase que vai sobre a pantalla de animación, etc”. O primeiro conto desenvolvido é Riziños de Ouro e os tres osos, que conta con atractivas ilustracións animadas. Tamén se deseñou para iPad e Android, co fin de que “poida ser empregado a través dos seus respectivos navegadores”.

PUBLICIDADE