Appear.in permite facer multi-conferencias vía web sen software adicional

xoves, 6 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Appear.in permite crear salas de videoconferencia que funcionan directamente vía web

Grazas á incorporación nos navegadores web Google Chrome, Firefox e Opera do estándar WebRTC, que facilita as comunicacións multimedia en tempo real sen necesidade de engadidos temos á nosa disposición o servizo web appear.in, que fai extremadamente doada a organización de videoconferencias en grupo, pois con só entrar na súa páxina web, e elixir un nome para unha habitación de chat, podemos compartir a ligazón xerada para que outras persoas poidan entrar na nosa multi-conferencia sen ter que instalar ningunha aplicación adicional no seu equipo.
Esta ferramenta non precisa de rexistro nin descargas e as transmisións de vídeo realízanse entre extremos (sen pasar polos servidores de appear.in) de xeito seguro (empregando SSL) destacando por ser incluso compatible con navegadores web móbiles.
Dende este interesante proxecto de Telenor Digital están a abrir a API de appear.in (aínda nunha fase bastante inmadura) de xeito que no futuro poderiamos ver aplicacións e servizos que tiren proveito desta nova plataforma de comunicación multimedia.

O servizo web de appear.in funciona incluso dende o móbil

PUBLICIDADE