Apple destaca os libros de texto interactivos dunha empresa grovense

martes, 21 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Historia Natural: Orígenes lidera actualmente as vendas na categoría de libros de texto de iBooks

Apple anunciou hoxe a expansión xeográfica da sección de libros de texto de iBooks e do xestor de cursos para iTunes U, chegando a novos mercados de Asia, América latina, Europa e outros currunchos do mundo estas ferramentas que resultan de grande utilidade para os estudantes de 51 países entre os que finalmente figura España, onde cómpre destacar que os dous primeiros volumes de pagamento son precisamente os dous novos lanzamentos de Imaxina Novas Tecnoloxías: Historia Natural: Orígenes e Los Sentidos.
Os novos libros de texto deseñados para dispositivos de Apple pola empresa do Grove Imaxina Novas Tecnoloxías están á venda por 8,99 euros cada un, e ofrecen información completa e características interactivas únicas para estudantes de secundaria. Gozan de ilustracións, fotografías e elementos dinámicos que buscan cubrir as necesidades de aprendizaxe curricular dos estudantes mediante o aumento da comprensión e a motivación para acadar o éxito.

Los Sentidos é outros dos libros interactivos publicados por Imaxina Novas Tecnoloxías para dispositivos de Apple

Con Los Sentidos os escolares poderán obter un coñecemento significativo dos conceptos xerais relacionados coa visión, o oído, o tacto, o gusto e o olfacto; mentres que con Historia Natural: Orígenes descubrirán non só a historia do Universo, senón tamén a historia da Terra a través do Precámbrico e o Paleozoico.
A propia Apple quixo destacar o traballo de Imaxina Novas Tecnoloxías, incluíndo na súa nota de prensa de presentación da expansión internacional do seu servizo de libros de texto declaracións do director de marketing da empresa grovense, Miguel Domínguez, quen asegura que “cremos que recursos como os libros de texto de iBooks representan un salto monumental na aprendizaxe porque implican varias capacidades de cada estudante”.

PUBLICIDADE