Apple gaña un xuízo contra unha empresa chinesa que imitaba o seu nome e o seu logo

mércores, 3 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Que o logotipo dunha empresa se asemelle a outro non é nada novo. Quen non albiscara paralelismos entre determinadas representacións gráficas comerciais é que non viu apenas representacións gráficas comerciais. A novidade, no caso concreto do que imos falar, reside en dous aspectos básicos. Primeiro: que a semellanza entre as imaxes de marcas en cuestión rematou en xuizo. E segundo: que o denunciante, Apple, non parece tampouco un modelo de orixinalidade no que a logos e nomes comerciais se refire. De feito, se facemos memoria, a casa discográfica dun grupo británico que acadou certo renome na década dos sesenta remítenos directamente ao nome da dita empresa tecnolóxica.
O caso é que Apple semella que non tolera que se tome o seu logo en vano, e por iso levou perante os tribunais á empresa chinesa New Apple Concept Digital, unha firma que (todo hai que dicilo) tampouco se esmerou moito á hora de bautizarse a si mesma. Sexa como sexa, xa se sabe o resultado do lixitio: Apple, a grande, a dos iPod e demais, vén de impoñerse sobre Apple, a pequena, obtendo como compensación unha cifra de 45.800 euros.
O famoso logotipo da discordia, o da mazá, adquiría na súa versión chinesa unha máis que sospeitosa feitura imitativa: tratábase tamén da mesma froita, igualmente trincada por unha anónima dentadura e, a maiores e se cadra nunha xogada de disimulo de medio alcance, no interior dun escudo con asas. A sentencia, por certo, veu dan do Tribunal Popular Intermedio de Shenyang (provincia de Lianonin, noreste).

PUBLICIDADE