Apple podería estar a preparar un servizo de xogos mediante subscrición

luns, 28 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O anuncio de que Apple estaría a preparar novos servizos este ano, realizado tras a advertencia de redución das previsións de ingresos para o último trimestre da compañía, daba a entender que 2019 sería o ano de lanzamento do moi comentado servizo audiovisual de streaming da empresa de Cupertino, pero agora chegan informacións que anticiparían que Apple tamén está interesada en novos vieiros menos explorados, de xeito que tería nos seus plans a un servizo de subscrición de xogos.
Ao parecer, esta iniciativa aínda estaría nun estado inmaturo, de xeito que aínda non se saberían nin os xogos nin o prezo da subscrición, e incluso é posible que todo o proxecto se desbote antes de ver a luz, pero todo parece apuntar a que falariamos do que poderiamos definir como «o Netflix dos xogos para móbil», o que podería revolucionar o sector dos xogos móbiles, que xa experimentaron o grande salto dos xogos de pagamento aos títulos free-to-play que agora imperan.
Iso si, estamos ante un territorio virxe, por non terse establecido ningún grande éxito de xogo móbil con subscrición de pagamento, aínda que de ir da man de Apple sería probable que este novo modelo de negocio puidese callar, sempre que chegase acompañado por algún fenómeno de éxito.

PUBLICIDADE