Apple presenta a familia de procesadores M3

martes, 31 de outubro do 2023 Marcus Fernández

A presentación dos procesadores Qualcomm Snapdragon X Elite, que chegarán ao mercado a mediados de 2024, deixou a Apple nunha situación incómoda, xa que asegurábase que superaban aos procesadores M2 Max, e para dar unha imaxe de compañía que segue a estar nunha posición líder, tiveron que realizar o evento máis inusual na historia recente da compañía, por terse celebrado pola tarde-noite e basicamente limitarse a ser un vídeo de menos de media hora retransmitido a través da Internet baixo o lema de Scary Fast, o que levou a que se mencionase que a velocidade de medo non correspondía á velocidade dos procesadores presentados, senón á do propio evento.
Non só o evento de Apple pillou a moita xente por sorpresa, senón que os procesadores presentados tamén resultaron rechamantes por ver a luz simultaneamente, e non separados por varios meses como en ocasións anteriores, de xeito que agora xa sabemos como son o M3, o M3 Pro e o M3 Max.
Estamos ante os primeiros procesadores de ordenador que chegan ao mercado cun proceso de fabricación de 3 nanómetros, aínda que esta tecnoloxía posiblemente dará moito máis xogo en futuros procesadores, xa que aínda está emerxendo, e nesta ocasión dende Apple apuntaron a que a mellora de CPU desta familia é bastante conservadora, apostando a compañía máis por mellorar a GPU (estreando o ray tracing acelerado por hardware en Mac), e non deixando nada clara a posición na que están a nivel de NPU (probablemente ante o temor de verse superados pola competencia nun ámbito que actualmente está moi de actualidade, como é a IA). De feito, para dificultar a comparación con outros procesadores, Apple comparou constantemente os M3 cos M1, en vez de cos actuais M2, o que permítelle dar a impresión de que estamos ante un gran salto de potencia, aínda que non sexa realmente así.
Os M3 preséntanse como procesadores cunha CPU de 8 núcleos, unha GPU de 10 núcleos e até 24 GB de memoria unificada, que son máis que dabondo para calquera usuario ordinario, detallándose que integra un total de 25.000 millóns de transistores; mentres que o M3 Pro, destinado a un mercado máis esixente, incluiría 37.000 millóns de transistores, contando cunha CPU de 12 núcleos, unha GPU de 18 núcleos e até 36 GB de memoria unificada.
Aínda que é un procesador moi competente, o M3 Pro parece ter mellorado dun xeito bastante tímido, o que podería responder a un interese de Apple en arrastrar aos seus consumidores máis esixentes até o M3 Max, procesador que si dá un salto de xigante a nivel de integración, con 92.000 millóns de transistores, que conta cunha CPU de 16 núcleos, unha GPU de 40 núcleos e a posibilidade de equiparse con até 128 GB de memoria unificada. Un auténtico portento para traballar con vídeo profesional e outras actividades nas que sexa preciso contar cunha grande potencia de procesador e de gráficos, coa vantaxe dunha eficiencia enerxética que permite incluso gozar deste rendemento extremo en mobilidade.
Estes novos procesadores estréanse en novos equipos iMac e MacBook Pro.

PUBLICIDADE