Apple presenta as novidades para os seus sistemas operativos na sesión inaugural da WWDC

luns, 13 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O evento para desenvolvedores de Apple, a World Wide Developers Conference 2016, desenvolverase dende hoxe até o vindeiro venres en San Francisco, e para dar conta das grandes novidades de Apple a nivel de desenvolvemento realizouse a retransmisión a través de streaming da súa conferencia inaugural, deixando decepcionados a moitos consumidores que confiaban en ver algunha novidade de hardware, como o rumoreado novo modelo de MacBook Pro do que filtráronse detalles nas últimas semanas.

O reloxo renóvase por dentro

Dende Apple continúan sen dar datos relativos ás vendas do Apple Watch, dando a impresión de que son decepcionantes, pero que boa parte da culpa sería da propia Apple, por colocar no mercado un produto claramente deficiente, que ten un sistema operativo que supón todo un lastre, e que agora encamíñase cara a un funcionamento aceptable con watchOS 3, grande actualización que promete abrir as aplicacións até 7 veces máis rápido, o que faría que o reloxo por fin fose usable.
Con watchOS 3 tamén chegan novidades para a saúde e a forma física, destacando a aplicación Breathe, que anima a respirar profundamente ao longo do día para relaxarse; aínda que o máis visible desta actualización será, aparte das melloras de rendemento, a incorporación de novas esferas de reloxo.
A renovación do software do Apple Watch chegará no outono.

Apple TV mellora con Siri

Aínda que o Apple TV non sexa un trebello moi popular en España, dende Apple están a dedicarlle certa atención tras a súa última versión, que abriu a porta ás aplicacións, e desta volta as súas novidades de sistema están centradas en Siri, que facilita as buscas de películas por temas, as buscas en YouTube e incluso o acceso a canles en directo. Amais, o Apple TV tamén pode converterse no corazón do fogar dixital grazas a HomeKit, de xeito que quen teña esta tecnoloxía no fogar poderá dar ordes ao seu termóstato ou controlar a iluminación mediante ordes de voz.
Como acontece co reloxo, aínda que os desenvolvedores xa teñen acceso ás novas prestacións, para poder gozar das novidades de tvOS haberá que agardar á súa actualización oficial no outono.

OS X pasa a ser macOS

Finalmente El Capitán será a derradeira versión de Mac OS X, e o sistema operativo para os ordenadores de Apple pasará a chamarse macOS, sendo o alcume da súa primeira versión Sierra, e que como principal novidade ten a incorporación de Siri, o asistente de voz, que chega así ao escritorio informático na liña de como fai Cortana en Windows 10.
Outras novidades interesantes chegan na convivencia co contorno móbil, e así iCloud Drive facilita que que todos os documentos que estean no escritorio e no cartafol de documentos dun Mac poida estar dispoñible para todos os dispositivos dun usuario, de xeito que lembraría a Chrome OS no xeito de levar o noso escritorio persoal á nube; e a funcionalidade de copiar e pegar tamén funcionará entre dispositivos, de xeito que poderemos copia e pegar textos, imaxes e vídeos entre Mac, iPhone e iPad.
Outra tecnoloxía pola que Apple continúa a apostar é Apple Pay, que xa non só funcionará en contornos móbiles, senón que agora o navegador web Safari tamén permitirá empregar esta solución para as compras na web nas tendas en liña compatibles, co que buscan crear un contorno de pagamentos máis seguro, xa que as tendas na que fagamos as nosas compras non terán acceso ás nosas tarxetas bancarias (validándose as compras coa pegada dixital do iPhone ou empregando un Apple Watch.
A aplicación de Fotos tamén experimentará un grande cambio, como é a función Memories, que empregando visión artificial permitirá a creación automática de coleccións en función das persoas, os lugares e os obxectos que aparecen nas imaxes.

Amósase o novo de iOS 10

Dende Apple aseguran que iOS 10 será a meirande actualización do seu sistema operativo móbil, o que pode ter sentido entre o punto de vista dos desenvolvedores, pero que inicialmente non parece tal dende a perspectiva dun usuario (que posiblemente percibiu que a actualización máis importante foi a que trouxo iOS 7).
Unha das aplicacións que máis cambia é Mensajes, da que rumoreábase que sairía unha versión para Android (o que finalmente non foi así), que agora aposta por animacións (como globos, confetti ou fogos artificiais) para celebrar ocasións especiais, notas manuscritas, suxestións automáticas, emoticonas máis grandes, mensaxes enriquecidas... ou sexa, copiando os elementos que se puxeron de moda noutras ferramentas e mensaxería instantánea. A aplicación tamén ábrese aos desenvolvedores, de xeito que poderán crearse novos xeitos de interactuar nas conversas empregando adhesivos, imaxes GIF personalizadas, realizando pagamentos ou podendo realizar unha reserva nun restaurante ou mercando unha entrada no cine.
Siri tamén volve a ser a estrela, e desta volta apostando tamén pola apertura aos desenvolvedores, de feito que as aplicacións poderán aproveitar o asistente de voz, de xeito que sería posible, por exemplo, pedir un transporte a través de Uber dándolle a orde a Siri.
iOS 10 tamén integra novidades mencionadas como as Memories na aplicación de Fotos, ou o control de HomeKit visto no Apple TV; mentres que outra aplicacións como Mapas e Music tamén renovan o seu deseño (destacando o feito de que Apple Music agora amosa as letras das cancións).
A pantalla de desbloqueo de iOS 10 tamén mellora considerablemente, facilitando a visualización de notificacións cando botamos man ao teléfono; as notificacións tamén son máis interactivas; e o centro de control tamén faise máis accesible.
Outra curiosidade que será moi ben recibida é que agora o teléfono intégrase con chamadas de VoIP de terceiros, ou sexa, que dende a aplicación de contactos non só poderemos iniciar unha chamada de voz tradicional, senón tamén unha chamada de voz a través de WhatsApp. Outras melloras do teléfono é que as mensaxes na caixa de voz presentarán a súa transcrición a texto e unha extensión de identificación de chamada facilitará o recoñecemento de chamadas fraudulentas ou comerciais non solicitadas.
iOS 10 iniciará a súa beta no mes de xullo, aínda que para a versión final haberá que agardar até o outono.

PUBLICIDADE