Apple presenta o iPhone SE e o iPad Pro de 9,7 polgadas

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Apple celebrou hoxe un evento no que se esperaba a presentación dun novo iPhone e un novo iPad, como mínimo, e finalmente confirmáronse os rumores e filtracións, quedando nunha das keynotes de Apple máis curtas e aburridas que se lembran, pese a que presentaron produtos que sen dúbida van ter unha boa acollida comercial, pero que carecían de elementos que sorprendesen ao público, xa que van dirixidos a atender exactamente demandas dos usuarios detectadas (en vez de anticiparse ás mesmas, como tiña feito no pasado a compañía de Cupertino).
Os primeiros anuncios realizados por Apple foron dirixidos a tecnoloxías que no noso territorio será difícil que poidamos ver a medio prazo, pois trataríase dos avances en ResearchKit (a plataforma de Apple para realizar grandes estudios médicos) e as melloras das aplicacións de saúde, que agora aproxímanse ao usuario coa publicación de CareKit, un novo framework que axudará á monitorización saúde do usuario.
O reloxo de Apple tamén tivo novidades, que poden resumirse en dúas: a estrea de novas correas e a rebaixa do Apple Watch. Deste xeito, a partires de agora os modelos máis económicos en vez de partir de 419 e 469 euros para as caixas de 38 e 42 milímetros respectivamente, teñen uns prezos de 369 e 419 euros, o que é unha baixada de prezo moi tímida que non parece ser dabondo para incrementar o interese por un produto que tivo unha expectación moi importante, pero chegado ao mercado non conseguiu reter o interese do público.
Máis importante foi a presentación do iPhone SE, un novo membro da familia do iPhone, que agocha nunha carcasa dun iPhone 5s a potencia dun iPhone 6s, converténdose no smartphone de entrada de Apple, xa que parte dun prezo de 489 euros, o que sería o iPhone co lanzamento máis económico da historia (lembremos que o iPhone 5c chegara no seu día a un prezo de 599 euros, mentres que os iPhone de primeira liña partían tradicionalmente dun prezo de 699 euros, que medrou nos últimos anos).
O outro produto presentado foi o iPad Pro de 9,7 polgadas, unha atractiva tableta que conservando o tamaño e peso dun iPad Air 2, integra as funcionalidades e potencial dun iPad Pro de 12,9 polgadas, de xeito que resulta ideal para os usuarios de iPad que buscan desenvolver labores creativas e de produtividade, pero perseguen tamén unha portabilidade que non é posible cunha tableta de grande tamaño. Curiosamente tamén melloraron a cámara da tableta, que quedaría a un nivel comparable ao dun iPhone, o que é toda unha sorpresa.
Como consecuencia da renovación da familia iPad, o iPad Air 2 tamén recibe unha rebaixa de 60 euros, que parte agora dun prezo de 429 euros (no modelo de 16 GB), mentres que o iPad mini 4 mantén o seu prezo de saída de 389 euros (no seu modelo de 16 GB) como o iPad mini 2, que mantén o seu prezo en 289 euros (tamén en 16 GB).

PUBLICIDADE