Apple retira unha aplicación de VPN de Facebook

xoves, 23 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Tras os escándalos dos últimos meses ao redor do uso dos datos persoais por parte de Facebook non sorprende que Onavo Protect, unha aplicación de rede privada virtual que promete cifrar as comunicacións do noso smartphone engadindo unha capa de seguridade e dando un maior control sobre o que poden facer as aplicacións, vén de ser retirada da App Store por incumprir coas condicións da tenda de aplicacións de Apple.
Concretamente dende Apple aseguran que nas condicións da App Store indican expresamente que as aplicacións non poden recoller información sobre outras aplicacións instaladas no dispositivo do usuario para a súa análise ou para finalidades publicitarias, e deben deixar claro o uso que farán dos datos do usuario.
Aínda que é certo que o uso dunha VPN pode servir para protexer a información do usuario, se o tráfico dentro da rede virtual está a empregarse para a elaboración de estatísticas de uso (con clara finalidade económica) e non se informa diso ao usuario parece máis que razoable que Apple non tolere ese comportamento, especialmente cando a empresa detrás do proxecto é Facebook, que ten demostrado unha grande desidia co tratamento dos datos persoais.
Actualmente a aplicación móbil de Onavo non está dispoñible para iOS, e quen a empregue en Android debería ser consciente de que Facebook está a facer seguimento do que fai no móbil.

PUBLICIDADE