Apreixado o autor do vídeo porno chinés que burlou a censura

venres, 19 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Ás autoridades de China semella que en materia de filtros en liña para contidos sexuais non se lles escapa unha. O caso é que a censura chinesa volveu á carga os días pasados e fíxoo cun vídeo que case lle pasa desapercibido e que, en realidade, morreu de éxito. Falamos da curta sobre unha rapaza de Shanghai coñecida como Kappa Girl (na imaxe) e que entre outras características que lle eran propias, incorporaba certos contidos sexuais que para as bempensantes autoridades do país deberon ser comparables a unha crise de importancia nacional (en realidade todo apunta a que lles importou máis o escándalo moral xerado cós danos sufridos pola persoa que aparecía no vídeo, que certamente se deron e foron graves). Resultado: o presentou autor do vídeo, que por certo tivo un gran éxito de descargas na Rede chinesa, xa está en mans da policía, e dous meses despois de telo posto en liña. Segundo conta El Navegante facéndose eco de datos achegados pola Oficina de Seguridade Pública chinesa ó xornal Shanghai Daily, o sospeitoso atópase neste intre baixo custodia polo delito de ter subministrado material pornográfico.
O detido, que gravou o vídeo e logo, enviándollo a un amigo seu, perdeu o control sobre o mesmo (premeditadamente o non, foi dar ás pantallas de centos de milleiros de internautas chineses a través das redes P2P), ten como protagonista a unha moza coñecida co alcume de Kappa nü e que traballaba daquela nun establecemento deportivo do centro da dita cidade.
Por certo que a rapaza non só tivo que aturar as visitas de centos de seareiros da peza audiovisual en cuestión (posto que no vídeo figuraban datos persoais sobre ela), senón que logo foi despedida do seu traballo. A historia, segundo informa o dito xornal, aínda deu para máis xiros argumentais (dous meses de protagonismo na Rede dan para moito): a rapaza, logo do despido, advertiu no seu blog persoal que tiña pensado tirar partido da súa repentina sona. De feito, xa ten publicadas as tarifas por se alguén se interesa por ela como modelo ou relacións públicas.

PUBLICIDADE