Apróbase o decreto que permitirá ter unha historia social única electrónica

xoves, 30 de xuño do 2016 Redacción

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, destacou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, a aprobación do decreto polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica; un documento que permitirá aos profesionais do Sistema galego de servizos sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico.
“Estamos a falar dun documento que supón o primeiro paso para avanzar cara a unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada usuario, máis alá da Administración pública que estea atendendo a ese usuario”, asegurou Feijoo, incidindo en que este sistema é froito dun intenso proceso de diálogo, á vez que subliñou que esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos a historia social do individuo e avanzou que o novo sistema comezará a implantarse de xeito progresivo despois do verán, unha vez aprobado definitivamente o decreto, e arrincará con máis de 365.000 historias sociais dixitais.
Neste contexto, cómpre resaltar tamén que, previamente, se fará unha fase de pilotaxe da historia social única electrónica nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Así, a partir do mes de xullo os traballadores sociais destes municipios terán acceso ao expediente social dos usuarios en formato electrónico; e, este período de probas permitirá abordar posibles axustes de cara ao despregamento progresivo nos concellos galegos.

PUBLICIDADE