Aratech estrea boletín informativo e novas instalacións preto de Santiago

xoves, 27 de febreiro do 2014 Redacción

Aratech, start-up galego-madrileña dedicada ao desenvolvemento de software, vén de informar da posta en marcha dun boletín informativo para os clientes e usuarios dos seus produtos e para a comunidade xeral de consumidores e seareiros dos produtos TIC. A firma, que ten sedes de seu moi preto de Santiago (recentemente inaugurada, como detallamos máis abaixo) e máis en Madrid, busca coa estrea do seu newsletter subministrar unha fonte de información quincenal sobre a súa actualidade e, de xeito indirecto, dos sectores estatal e internacional das novas tecnoloxías. Ademais, os seus responsábeis apostan por “un forte estilo propio” e por unha vontade clara de “achegarse un pouco máis aos clientes”.
O boletín envíase dende o Departamento de Mercadotecnia de Aratech e seu deseño diríxese como dixemos “a plasmar a esencia da empresa, onde o negro e o branco marcan a diferenza coa información que se divulga nela”. Polo que respecta ao contido, encamíñase “a permitir ao receptor coñecer a actualidade de Aratech de primeira man e poder interaccionar coa mesma en redes sociais como LinkedIn ou Twitter”. Segundo engade Celia Sánchez, responsábel da comunidade de Aratech, “chegar aos usuarios, clientes e a todas as persoas que nos seguen nas redes sociais de maneira máis próxima é o principal motivo polo que quixemos lanzar este newsletter, un boletín con imaxes e contidos totalmente orixinais, de creación propia, respondendo a unha arela común de calidade en tódolos comunicados”. Por certo que a primeira achega informativa lanzouse o pasado 29 de xaneiro.

As novas instalacións da empresa en Milladoiro, recentemente inauguradas

Lembrar que Aratech centra unha boa parte da súa actividade en aplicacións na nube e para móbiles. A súa estratexia é prover de servizos informáticos de última tecnoloxía cloud e mobilidade a clientes no ámbito nacional e internacional.
Respecto á súa presenza na nosa terra, sinalar que as súas instalacións están emprazadas en Milladoiro, Ames, e que servirán de apoio á actividade principal xerada dende a sede do Parque Científico de Madrid. Recentemente inauguradas, estas oficinas constitúen a central de Aratech para o desenvolvemento dos seus produtos e servizos. As dependencias están situadas na rúa das Hedras de Milladoiro e máis polo miúdo, concentrarán o equipo de desenvolvedores PHP, Android e iOS da nova compañía. “Este grupo de profesionais”, informaron con motivo da inauguración os responsábeis de Aratech, “levará a cabo todos os proxectos que vaian xurdindo, que son en grao sumo variados, xa que percorren diferentes nichos de mercado desde inmobiliarias até lectores de contadores de auga”. E engadiron: “As nosas instalacións permiten levar a cabo o desenvolvemento de todos os proxectos de maneira funcional e posúen a infraestrutura precisa para realizar os mellores desenvolvementos dos encargos e dos produtos e servizos propios que Aratech ofrece”. Dende Milladoiro e Santiago, a empresa tentará aumentar a súa influencia estatal e máis polo miúdo no norte da Península.

PUBLICIDADE