Aratech prepara o desenvolvemento dunha innovadora rede social sobre agasallos

venres, 23 de maio do 2014 Redacción

Aratech, empresa con sedes en Milladoiro e en Madrid, vén de informarnos que ten entre mans un novo desenvolvemento para facer a Rede máis 2.0 do que xa é. Máis polo miúdo, do que se trata é de dar forma á rede social E-Deseos, que en palabras de Aratech “servirá para cambiar o noso xeito de facer agasallos”. A primeira fase do encargo consiste no desenvolvemento dunha páxina web. O segundo chanzo será a creación dunha aplicación móbil nativa para pór en xogo o factor mobilidade no proxecto. De feito, a mobilidade será un dos seus piares fundamentais: esa capacidade da tecnoloxía actual de permitirnos gozar dela dende calquera lugar.
O proxecto, que ten a súa raizame nun acordo asinado entre Aratech e os responsábeis desta nova rede social (a empresa Social Galaxy, de recente creación), quere dar “unha nova visión ao concepto de comunidade 2.0 que teñen os usuarios”, informa Aratech. O obxectivo, engade, é que cada internauta que faga uso deste servizo agora en preparación poida ter unha listaxe de desexos única. Esta listaxe comporase de todo o que se encadre nas preferencias do consumidor, permitindo que durante as súas navegacións por webs de moda, coches, tecnoloxías o música, teña a posibilidade de indicar cun clic aquilo “polo que máis devece”. De xeito automático, ese obxecto que arela o internauta pasa á súa listaxe de desexos, unha listaxe que pode ser compartida ou non (segundo as preferencias dos consumidores) e que incorpora a posibilidade de que o usuario faga constar a prioridade do desexo de cada produto. Ou sexa, que se vai poder marcar a intensidade coa que se devecen os obxectos da clasificación.
Para formar parte de E-Deseos só precisaremos facer log-in cun usuario e un contrasinal, xa que será de uso público e gratuíto. Cada usuario terá un perfil onde se atopará un Time Line propio no que se irá colocando a súa actividade; ademais poderá conectar cos seus amigos e enviarlles mensaxes públicas e privadas. Segundo indica Aratech, “E-Deseos será a rede social que marcará a diferenza, xa que unifica todas as listas de desexos que poidan existir e fai que estas se convertan nun fenómeno social con nome propio”.

PUBLICIDADE