Arcade Fire colabora con Google na creación dun vídeo interactivo en HTML5

martes, 31 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Moitos galegos están a contar os días ata o vindeiro 5 de setembro, cando o Monte do Gozo de Santiago de Compostela acollerá o concerto MTV Galicia 2010, no que actuarán os galegos Cornelius 1960, The Temper Trap, Echo and The Bunnymen e Arcade Fire, resultando especialmente destacable a coincidencia da visita a nosa terra desta última banda, pois esta semana está especialmente de actualidade por ter colaborado con Google na elaboración dunha experiencia musical baseada no navegador Google Chrome chamada The Wilderness Downtown, e que aproveita a canción We Used to Wait do último álbum de Arcade Fire para crear unha especie de vídeo musical interactivo en HTML5 que abre varias fiestras do navegador e integra Google Maps e Google Street View para achegar ao usuario unha experiencia personalizada, pois os vídeos que acompañan a este experimento compleméntanse con imaxes da vila onde medrou o visitante desta nova web e incluso conta cunha ferramenta de debuxo na que podemos realizar trazos ou escribir texto dun xeito artístico e orixinal.
Esta experiencia combina distintos elementos que facilita o Google Chrome, e que poden dar unha idea do potencial artístico dos novos navegadores web, e así en The Wilderness Downtown podemos ver unha coreografía de fiestras, bandadas de paxaros interactivas (reaccionan tanto á música como aos movementos do rato), música e vídeo reproducidos mediante HTML5, debuxo baseado en algoritmos, imaxes en 360 graos e incluso a corrección de cor para mellorar o contraste das imaxes.

PUBLICIDADE