Arnoia achegará dinamización TIC para maiores dende unha nova aula

venres, 28 de xullo do 2017 Redacción

O Concello de Arnoia (Ourense) quere apostar polo envellecemento saudábel. Ou sexa, por todos aqueles hábitos que axuden a ter unha vida mellor pasada “certa idade”, hábitos que adoitan abranguer o emprego das novas tecnoloxías: móbiles, tabletas, Internet, servizos de mensaxería, fotografía dixital, redes sociais, etc. Para impulsar esta vertente o Concello mercou a antiga sede da Cooperativa de Salvador, pechada na actualidade e nos seus días adicada á produción de pemento. O edificio será convertido nun Centro para o envellecemento activo e saudable das persoas maiores. O proxecto busca dar servizo a unha poboación (a dos maiores) que no caso de concellos coma o de Arnoia, representa arredor da metade dos veciños.
Contará con salas de lecer e xuntas, servizo de fisioterapia e, por suposto, unha aula de informática e novas tecnoloxías. Tamén haberá un espazo para o desenvolvemento de obradoiros de memoria e fortalecemento cognitivo, entre outras dependencias. Segundo o Concello, trátase non só de achegar formación e servizos de envellecemento activo, senón tamén de “fomentar a convivencia entre os usuarios”. As melloras precisas para o acondicionamento do edificio e o equipamento de mobiliario serán obxecto dunha convocatoria de concurso público por parte do Concello, cun orzamento global de 217.000 euros. A previsión é que os traballos estean rematados a comezos de 2018. Segundo engadiu o Concello, o edificio contará cun axente de desenvolvemento, con traballadores de mantemento municipais e, tamén, cun equipo de especialistas nos ámbitos nos que se quere dar servizo e cobertura: fisioterapia, informática e obradoiros de memoria.

PUBLICIDADE