Arredor de 20 expertos amosarán os novos camiños da comunicación en #InLugo

luns, 12 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

O Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais, #InLugo, conta este ano cun máis que completo programa de actividades. Segundo informou a Deputación de Lugo, impulsora do evento, a axenda da xuntanza abranguerá un cumprido feixe de relatorios, debates e exposicións breves. Estas actividades virán da man dun elenco de persoeiros TIC especialistas nas máis variadas temáticas: novos medios, mercadotecnia dixital, fotografía, comunicación en liña, etc. Nun plano máis detallado, contarase coa presenza de 20 profesionais referentes no eido TIC galego e estatal. O congreso #InLugo celébrase os días 16 e 17 de decembro no Pazo de San Marcos de Lugo (sede da Deputación).
Coma nas anteriores entregas, por #InLugo pasarán algúns dos máis renomeados especialistas TIC da actualidade. Por exemplo Phil González, responsábel de New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, amais de creador da que se considera a maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, Instagramers.com, con presenza en centos de cidades do mundo e en continuo espallamento.
Asemade, no congreso intervirán Bárbara Yuste, xornalista e profesora na Universidade Carlos III e Camilo José Cela de Madrid e directora de bez.es; Javier Pedreira, autor do blog Microsiervos e especialista en cultura dixital; Juan García, director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro, xornalista e cofundador de El Español; Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña, doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com.
O evento tamén contará coa presenza, entre outras/os relatoras/es de primeiro nivel, de Óscar Fafián, responsábel de Estratexia de R no desenvolvemento de novos servizos da Internet das Cousas (IoT), que achegará aos asistentes a experiencia recente da compañía galega de telecomunicacións no ámbito dos obxectos conectados (televisores, cámaras, smartphones, alumeado, electrodomésticos, equipamento variado), facendo fincapé nas vantaxes dos mesmos para todo tipo de servizos e demandas.
Asemade, xa confirmou a súa presenza no congreso un “vello coñecido” do mesmo: o cómico, locutor, guionista e presentador Víctor Grande, que será en boa medida o encargo de animar, presentar e acadar a máxima pegada (dentro e fóra de #InLugo) para as diferentes actividades previstas para o Pazo de San Marcos. Lembrar que Grande recentemente estivo de actualidade nos medios TIC por ter lanzado un novo proxecto cursodecomedia.com, un blog dirixido cómicos, oradores e seareiros no que comparte as súas experiencias no mundo da comunicación co humor como catalizador.
Amais de todo o devandito, entre os intres clave do programa atópanse as presentacións de diversos servizos e proxectos TIC que se están a desenvolver na provincia. Así, a mañá do sábado estará reservada ao espazo Lugo na Rede onde se contará, entre outros, coa presenza de Simón Cabarcos, director de Blindaxe Sport e até un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e Internet como “principais impulsores”. Este espazo Lugo na Rede será presentado polo deputado provincial de Innovación, Participación Cidadá, Mobilidade e Deportes. Sen saírnos do sábado pola mañá, a pegada galega terá sobre as 12.30 horas unha interesante prolongación no obradoiro formativo Aprender a crear dende cero unha web para o teu negocio. Virá da man da firma local Raiola Networks e contará coa participación activa de Álvaro Fontela e Ángela Piñeiro.
Programa provisional
Venres 16 de decembro
16:00 Apertura e recollida de acreditacións
16:30 Benvida institucional a cargo de Darío Campos (@depulugo), presidente da Deputación de Lugo.
17:00 Conferencia inaugural. O éxito de Instagram, máis que unha rede social de fotografía. Intervén Phil González (@PhilGonzalez), creador de Instagramers, a meirande rede social de usuarios de Instagram presente en centos de cidades do mundo.
17:45 Relatorio Son seguros os alimentos que comemos? A cargo de Miguel Ángel Lurueña (@gominolasdepetroleo), doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do blog gominolasdepetroleo.com.
18:30 Pausa para o café
19:00 Relatorio Fogar Dixital e Internet das Cousas. Óscar Fafián (@ofafian), responsábel de Marketing de R Galicia.
19.45 Obradoiro formativo: A revolución do eLearning: Juan Garcia (@blogoff), formador e director da Escola Bitácoras.
20:30 Humor 2.0. Actuación musical de Víctor Grande (@vicgrande)
Sábado, 17 de decembro
10:30 Lugo na rede. Presentación de empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa Rede e co ADN tecnolóxico lucense. Presenta: Pablo Rivera (@priveracapon), deputado Provincial de Innovación, Participación Cidadá, Modidade e Deportes. Entre estes proxectos a presentar atópase Blindaxe Sport de Simón Cabarcos.
12:30 Obradoiro Aprende a crear desde cero unha web para o teu negocio. Imparte Álvaro Fontela (@RaiolaNetworks), empresa líder de aloxamento WordPress.
14:00 Descanso
16:30 O bo, se breve. Relatorios de 30 minutos (e 10 para o público).
Os nativos dixitais non existen. Javier Pedreira (@wicho), autor do blog Microsiervos e especialista en cultura dixital.
Novos medios. Bárbara Yuste (@byuste), xornalista e profesora na Universidade Carlos II e Camilo José Cela de Madrid. Directora de Comunicación da Asociación Española de Economía Dixital e directora de Bez.es.
18:00 Pausa para o café
18:30 O bo, se breve. Microrelatorios de 15 minutos.
Prensa Nativa Dixital
Daniel Basteiro (@basteiro), xornalista e cofundador do Español (@elespanolcom)
Éxito en Youtube
Sebas Mouret (@sebasgmouret), creador da canle literaria en YouTube Coleccionista de mundos
20:00 Entrega dos IV Premios #InLugo.

PUBLICIDADE