Arredor de medio cento de voluntarios participan hoxe en Láncara na xornada Eu amo fedellar

venres, 23 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Da man da Rede ReVOLTA e case media ducia de asociacións e colectivos da nosa terra a prol do coñecemento libre, organízase hoxe en Láncara, Lugo, unha das actividades máis interesantes da tempada en materia de tecnoloxía sen cancelas: non só polo que significan para os nosos días os ámbitos nos que se insire a actividade (tecnoloxía aberta e o desenvolvemento participativo) senón polo que implica o cometido concreto da cita: crear de xeito colectivo maquinaria con software aberto especialmente dirixida a facilitar as actividades agrogandeiras. Na xornada, convocada baixo o epígrafe Eu amo fedellar, tamén participan o colectivo Montenoso, Enxeñería sen Fronteiras, Makers de Lugo, a Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica e o Colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. A cita é no Museo Integrado de Maquinaría Agrícola Clásica de Trasliste. O obxectivo: crear comunidade de desenvolvedores/as de maquinaría agrícola en código aberto. Na xornada achegarán cadanseu gran de area case medio cento de voluntarios.
A actividade insírese dentro do movemento das economías en código aberto e, en palabras dos organizadores, “parte da capacidade propia dos galegos e galegas, que historicamente veñen acreditando un gran potencial de autosuficiencia”, e máis do proxecto Open Source Ecology, unha comunidade que traballa no desenvolvemento de maquinaría agrícola en código aberto.
Un relatorio sobre a innovación tecnolóxica ao longo da historia, a cargo do catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto, abrirá ás 11.00 horas o programa Eu amo fedellar no marco do que Pablo Blanco, de Montenosp, relatará a súa experiencia no deseño e manufactura dun produto. Tucho Méndez, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco; Jesús Toural, de Makers Lugo; Marcos Vázquez, da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica, e un membro de Enxeñaría sen Fronteiras completan a relación de relatores que intervirán no programa de Eu amo fedellar, que se desenvolverá en quenda de mañá.
A filosofía Open Source
Segundo apuntan as asociacións organizadoras do evento, o movemento arredor do código aberto (movemento Open Source) ten aberto “un amplo abano de posibilidades de desenvolvemento de programas, aparellos e tecnoloxías diversas por parte de colectivos diversos, tanto nos ámbitos do hardware libre e o software libre como tamén no ámbito da maquinaría agrícola en aberto”. Se por algo se caracterizan estas comunidades é por traballar en equipo e fomentar a apertura do código e a posibilidade de remestura e uso por parte da cidadanía interesada, “facilitando que todo aquel que teña inclinación por estas cuestións poida fedellar e forzar no seu aparello e artellar por si mesmo a súa propia maquinaria”, sinalan dende as ditas asociacións galegas, que engaden que a proposta de Eu Amo Fedellar insírese (tamén e por dereito propio) no movemento das economías en código aberto. Polo tanto, din, a proposta parte de dúas fontes principais. A primeira é a capacidade propia das galegas e galegas que historicamente veñen acreditando un amplo potencial de autosuficiencia. A segunda son os alicerces do proxecto Open Source Ecology, unha comunidade que leva traballando tempo no desenvolvemento de maquinaría agrícola en código aberto.
Volvendo á cita de hoxe servirá polo tanto para pensar o que facer con todas as habilidades e coñecementos que achega cada integrante e cada experiencia paralela previa. Será, en palabras dos organizadores, “unha mostra de diferentes accións relacionadas coa maquinaría agrícola en código aberto, a evolución da innovación tecnolóxica ou a necesidade de impulsar a robótica no medio rural”.

PUBLICIDADE