Arrinca Connecting for Good Galicia con seis proxectos con vontade de axudar

martes, 13 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

Hoxe no Gaiás (Cidade da Cultura) falouse, e moito, de tecnoloxías innovadoras e cunha clara vontade de mellorar o mundo que nos rodea. Dito doutra maneira: cunha firme arela de botar unha man. Trátase, máis polo miúdo, da media ducia de proxectos tecnolóxicos impulsados polo programa Connecting for Good Galicia, unha iniciativa cuxa primeira edición arrincou este 13 de decembro, oficialmente, e que vén da man da Fundación Vodafone España en colaboración coa devandita operadora de telecomunicacións e a Xunta de Galicia. Como dixemos, todas as propostas teñen dous nexos comúns ben definidos (son propostas TIC e son propostas sociais). Porén, hai un terceiro alicerce compartido: son proxectos a prol da eficacia e a eficiencia. En cousas tan variadas como o tratamento de doenzas, o ensino da programación robótica ou a xestión de traballo marisqueiro. Trátase de Insulclock, Robobo, MyKeeper, Phottic, PsicoVR e Xesmar.
Na presentación destas iniciativas participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), Mar Pereira; o director do IGAPE, Javier Aguilera; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e o director de Vodafone España en Galicia, Fran Vallejo. Segundo lembraron, a obxectivo do Centro Conecting for Good é apoiar “a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia”.
Tamén salientaron o alto nivel acadado polas 40 candidaturas recibidas, das que foron elixidas finalmente os seis proxectos que van participar nesta primeira edición, propostas en diferente estado de desenvolvemento e evolución. Un destes proxectos é un vello coñecido de Código Cero, trátase de Insulclock, do que xa temos falado para salientar (entre outras cousas) os importantes recursos que pon en xogo para automatizar todo o relativo á aplicación de insulina nas persoas diabéticas. Insulclock, como lembraremos, é un dispositivo electrónico que se axusta á pluma-aplicadora de insulina e é quen de rexistrar de maneira automática toda a información referente á súa administración. Cousas como a hora e día, a dose ou o tipo de insulina a empregar. Segundo salientaron os responsábeis de Connecting for Good Galicia, a solución “mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e erros grazas ao sistema de alarmas e avisos”. A ferramenta Insulclock foi detallada no Gaiás por Suso Pérez, un dos seus principais impulsores, que nos recordou que arestora atópase nunha fase madura de desenvolvemento e que a previsión é lanzala a comezos do vindeiro verán. Tamén destacou que se trata dunha tecnoloxía para mellorar a calidade de vida dun colectivo, o das persoas afectadas pola diabetes, que vai a máis consonte medran na sociedade actual os malos hábitos alimenticios, o sedentarismo e a máis a nosa propia esperanza de vida.
Outro dos proxectos elixidos para Connecting for Good e que foi presentado hoxe foi Robobo, unha ferramenta educativa destinada a facilitar o emprego de robots nas aulas e a dar resposta a unha demanda crecente: cada día son máis os ámbitos profesionais onde se requiren coñecementos de programación, electrónica e tecnoloxía. Robobo, segundo puidemos saber, inclúe unha base móbil que é quen de transportar un smartphone (co que se conecta a través de Bluetooth) e que fai todas as funcións de control da devandita base. O Robobo pódese programar desde diferentes linguaxes de alto nivel como Scratch, App Inventor, Python, Java Android. Ademais, as aplicacións xeradas son executadas no smartphone que controla a base. Segundo nos contaron os responsábeis, a idea é facer visíbeis e doadas de entender todas as funcións e procesos relativos á programación. Neste punto clarificador entra en xogo o teléfono móbil, “o cerebro do robot”, que se conecta directamente ao robot (vai inserido nel) e que se manexa co computador ou a tableta a través de tecnoloxía sen fíos. Robobo está dirixido sobre todo a rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 11 e os 16-18 anos.
Polo que respecta a MyKeeper, é un proxecto directamente encamiñado a facer máis doadas e eficaces as tarefas dos coidadores dos enfermos de alzhéimer ou outras demencias. MyKeeper, que vén da man de tres compañeiros da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo, integra dous dispositivos principais: por unha banda un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira (MyKeeperWatch) e, pola outra, un sistema que detecta cando o paciente pretende erguerse da cama (MyKeeperNight), xerando unha alerta ao familiar ou coidador. MyKeeper, proxecto distinguido este ano nos Premios INCUVI-Emprende, ten entre as súas principais vantaxes que actúa directamente na mellora da calidade de vida de todas as persoas implicadas na doenza e no seu tratamento, non só da propia persoa enferma. De feito, as dúas devanditas modalidades de MyKeeper encamíñanse a ceibar aos coidadores dunha manchea de preocupacións (os coidadores poden realizar as súas tarefas diarias mentres a tecnoloxía vela polo doente, xerando alertas se este se atopa en risco de caída ou de afastarse do seu domicilio e extraviarse). Ademais, incorpora a posibilidade de facer alarmas configurábeis e inclúe unha interface que salienta pola súa sinxeleza (a idea é que calquera persoa, teña os coñecementos tecnolóxicos que teña, poida tirar o máximo partido das funcionalidades).
Outra das tecnoloxías coas que bota a camiñar Connecting for Good Galicia é Phottic, un proxecto de memoria dixital impulsado por Abertal Networks do que falamos recentemente para dar conta dos recursos postos en xogo para recuperar a historia do Deportivo da Coruña. Phottic, de feito, é un proxecto de alfabetización de maiores que recupera e pon en valor a nosa historia (a historia grande ou miúda das nosas aldeas, vilas, colectivos ou comunidades de calquera índole) a través da achega colectiva de imaxes. Phottic, ademais de dirixirse a reconstruír o que somos, ten unha vertente complementaria de índole divulgativa. De feito, nos proxectos de Phottic faise todo o posíbel para que participen persoas de moi diferentes xeracións: os mozos achegando coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
PsicoVR é o nome doutras das propostas desta primeira entrega de Connecting for Good e o seu cometido é botar unha man a un colectivo que máis amplo do que se pode pensar en primeira instancia: o colectivo de persoas que sofren fobias en calquera das súas moitas manifestacións. A tecnoloxía PsicoVR, que inclúe un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, ten tamén potencial para mellorar a calidade de vida de quen sofre con certa frecuencia ataques de pánico ou de tensión. Segundo fixeron saber os responsábeis deste proxecto na cita do Gaiás, PsicoVR axuda aos pacientes a afrontar os seus medos “á vez que o fan nun contexto seguro e controlado” de realidade virtual. Incorpora un software, Control Deck v1.0, que salienta pola súa sinxeleza e pola súa marxe ampla de adaptación a diferentes contornas e demandas. Entre outras cousas, xera informes detallados, parametrización completa de estímulos e alto grao de control sobre todo o que acontece na situación vivida polo paciente no mundo virtual.
Por último, a iniciativa de Vodafone no Gaiás contará coa presenza dun proxecto moi acaido e moi interesante para as nosas confrarías e para as nosas comunidades de mariscadoras/es. Trátase de Xesmar unha aplicación web que permite mellorar a xestión, a organización do traballo e o acceso á información nos devanditos ámbitos de actividade costeira. Máis polo miúdo, a tecnoloxía Xesmar fornece ás mariscadoras recursos para optimizar as quendas e información cumprida e actualizada sobre cotas e notificacións. Arestora atópase en desenvolvemento pero a idea é poñela en probas nunha confraría das Rías Baixas en datas vindeiras. Un dos seus puntos fortes radica en que automatiza, rendibiliza e optimiza unha metodoloxía de traballo tradicional (os labores de marisqueo ao abeiro das confrarías) dunha maneira intuitiva, sinxela e moi doada de integrar.

Vantaxes de participaren en Connecting for Good Galicia

As seis iniciativas inician agora un plan de formación de polo menos medio ano, tempo durante o cal participarán en sesións sobre modelo e plan de negocio, contando con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de seu no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura, en Santiago.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con diversidades de tipo funcional ou cognitivo que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.
Os proxectos, por outra banda, poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e un préstamo participativo até un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha. Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

PUBLICIDADE