Arrinca a Feira Virtual de Emprego galego-portuguesa con máis de 80 empresas inscritas

martes, 31 de maio do 2016 Redacción

Esta semana comezou a súa andaina a Feira Internacional Virtual de Emprego FINDE.U, unha iniciativa transnacional organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-Os-Montes e Alto Douro e na que están a participar, xa, máis de 1.500 estudantes e titulados de ámbalas beiras do Miño e arredor de 80 empresas. Segundo informa a UVigo, os estudantes e titulados terán ao alcance da súa man até 850 ofertas laborais (as dadas de alta na plataforma en liña). A feira foi inaugurada a través de videoconferencia por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Sebastião Feyo de Azevedo, reitor da Universidade de Porto e António Augusto Fontainhas Fernandes, reitor da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro.
Lembrar que a celebración da feira estenderase a toda a semana en curso: ao longo destes días os estudantes das tres institucións e os que veñan de rematar os seus estudos poderán seguir inscribíndose e buscando na feira unha oportunidade laboral. Porén, si que está pechado o prazo de inscrición para as empresas e organismos, deixando a participación en 110 expositores, 80 deles son empresas de todos os sectores e sobre todo de España e Portugal, aínda que tamén hai presenza de países como Bélxica, Alemaña, Malta, Eslovaquia, Irlanda, Reino Unido, Países Baixos, Estonia, Polonia ou Noruega.
Entre as compañías participantes están, entre outras, Continental, AT&T, Calzedonia, Benteler, Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Indra, Manpower, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House. Deste xeito, os estudantes poden acceder a 854 ofertas de emprego, cifra que pode seguir incrementándose ao longo da xornada deste luns. Tamén participan nesta cita de empregabilidade os servizos Eures de 12 países e 20 puntos de información.
A feira que arrancou hoxe desenvolverase ata o venres 3 de xuño. Nas dúas primeiras xornadas desenvolveranse varias sesións formativas que se poderán seguir tanto presencial como virtualmente e nas que se tratarán temas como a busca de emprego en Europa mediante Eures, o emprendemento e autoemprego, as posibilidades de emprego científico para investigadores, a creación dun perfil en LinkedIn, o programa Erasmus, o Europass ou a creación de vídeo currículos, entre outros contidos. Este martes as sesións que terán lugar en Vigo correrán a cargo de Enrique Gallardo, que presentará Eurodesk (en palabras da UVigo “un servizo de información dirixido a mozos e mozas para coñecer e participar en programas da Unión Europea sobre formación, educación, voluntariado, bolsas de estudos, lecer, etc”); de José Antonio Rodríguez Fachado, de Xuventude.net (que falará sobre o programa de mobilidade xuvenil Galeuropa); o profesor da Universidade, Celso Cancela (que coordina a Cátedra Jean Monnet e exporá as oportunidade de traballar nas institucións da UE) e Teresa Ventín, coordinadora do servizo Eures transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.
As sesións pódense seguir en streaming e tamén de xeito presencial na universidade dende a que se emita cada unha das intervencións.
Na segunda parte da feira, do 1 ao 3 de xuño, os estudantes poderán acordar entrevistas telemáticas coas empresas, para o que a Área de Emprego porá á súa disposición a sala III do edificio Miralles dende onde se poderán conectar á plataforma virtual habilitada para este fin, “no caso de non facelo dende os seus propios dispositivos electrónicos”, explica a organización.

PUBLICIDADE