Arrinca o programa Escuela 2.0 cunha implantación autonómica heteroxénea

luns, 7 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Este mes bota a andar o programa de dixitalización educativa Escuela 2.0 en máis de 300 aulas españolas, de xeito que 7.100 alumnos poderán gozar dun ordenador portátil como peza chave da súa formación, agardando que este plan chegue aos 392.000 alumnos de ensino obrigatorio, a 20.000 profesores e 14.400 aulas en abril de 2010, para o que precisarán dun investimento de 200 millóns de euros financiados ao 50% por Goberno estatal e comunidades autónomas a través de convenios bilaterais que comezarán a asinarse este mesmo mes con Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Cataluña e País Vasco, e en outubro co resto de comunidades, aínda que o calendario de inicio do programa é moi desigual, e en preto da metade de España aínda estaría por definir.

O Toshiba NB200 é o equipo elixido polo Goberno catalán para a súa versión do programa Escuela 2.0

Aínda que a vontade do Goberno central é de que as familias non teñan que pagar polos ordenadores portátiles dos alumnos de primaria, iso dependerá de cada comunidade autónoma, e no caso catalán xa anunciaron que os pais deberán pagar ata 150 euros polos equipos (en función do seu poder adquisitivo), aínda que agardan que o 20% dos alumnos conten cunha bolsa que cubra o prezo total dos portátiles. As propias familias serán as encargadas de mercar os equipos, e informaráselles dos equipos homologados, as canles de distribución e a fórmulas de pagamento existentes, sendo nun primeiro momento o equipo recomendo o Toshiba NB200 (que pode traballar tanto co sistema operativo aberto Linkat coma con Windows XP Pro en catalán). Comentan que este gasto podería supor un aforro, xa que serve coma material didáctico (Educación subvencionará aos centros a compra de licenzas de libros dixitais con 30 euros por alumno).
Anuncian que os equipos incluirán software de supervisión, xestión centralizada e control antirroubo (medida disuasoria para evitar converter aos cativos en obxectivo dunha vaga de atracos). Amais, os centros tamén deberán contar cun parque de reserva de ordenadores, e emprestarán aos docentes portátiles idénticos aos que usan os cativos.
As aulas tamén deberán contar cun encerado dixital interactivo e router Wi-Fi para permitir a comunicación entre os portátiles e coa Internet.

O programa Escuela 2.0 incluso inspirou unha tira cómica de Mel

PUBLICIDADE