Arrincan dous obradoiros de informática e smartphones no Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo

martes, 30 de maio do 2017 Redacción

Logo da apertura oficial da actividade formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, inauguración da que falamos en Código Cero salientando a notábel presenza de público, o novo centro neurálxico TIC do casco vello da cidade proseguiu estes días co seu roteiro de obradoiros fixado para esta tempada, o programa Tecnoloxíza-T!, organizado pola Concellería de Concello e Cidadanía. Máis polo miúdo, deuse acubillo ao comezo de dúas novas actividades, unha de iniciación á informática, que se impartirá até 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, e outra de uso de smartphones, que seguirá até o vindeiro venres, 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas. Para estes novos cursos cubríronse a totalidade das prazas dispoñíbeis, polo que participan 30 persoas.
Como lembraremos, a programación de actividades no novo espazo TIC do Concello inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Amais dos devanditos cursos de iniciación á informática e emprego de smartphones, fornécense os seguintes: trámites electrónicos coa administración, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra on line, venda on line e creación de aplicacións móbiles. Quen queira máis información sobre estas actividades, tena na páxina web do Concello, lugo.gal.
Segundo informou a Concellería, estas xeiras de formación están a ter “moi boa acollida”. De feito, as prazas da maioría dos obradoiros cubríronse en menos de dez días.

PUBLICIDADE