Arteixo Telecom mellora a súa capacidade de produción cunha nova liña de montaxe

xoves, 1 de setembro do 2011 Redacción

A nova liña de montaxe conta con máquinas da serie SX1/2 de SIPLACE SIEMENS

Arteixo Telecom incrementou significativamente a capacidade e versatilidade da súa planta industrial coa incorporación dunha nova liña de ensambladura de compoñentes de montaxe superficial (SMD), que se suma ás dúas de que xa dispoñía a compañía.
A nova liña está integrada por máquinas de última xeración, da serie SX1/2 de SIPLACE SIEMENS, fabricante líder neste tipo de equipos. O investimento contou con apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Os novos equipos de Arteixo Telecom destacan pola súa capacidade para adaptarse ás variables necesidades da produción. Así, poden traballar con cabezais de moi diferentes configuracións e soportan ata 120 compoñentes diferentes. Igualmente, o rango de tamaños dos compoñentes que poden utilizar é moi amplo: dende os 0,4 x 0,2 milímetros dos máis pequenos ata os 200 x 110 milímetros dos máis grandes.
Gabriel González, director xerente da Unidade de Negocio de Contratación Industrial destacou que «con esta terceira liña SMD damos un paso adiante moi importante: non só aumentamos a nosa capacidade, senón tamén a nosa produtividade e a nosa capacidade para adaptar a produción ás esixencias que se formulen en cada momento. Polo tanto, imos ser máis competitivos».
A capacidade máxima de montaxe da nova liña é de 130.000 compoñentes por hora, pasando dos 80.500 compoñentes por hora de rendemento máximo conxunto das dúas liñas que ata agora viñan funcionando a un total de 210.500 coa incorporación da terceira.
Ademais, as tres liñas pasaron a estar xestionadas dende unha mesma plataforma de software. Con iso conséguese unha flexibilidade case total, xa que en calquera momento o encargado da planta pode decidir montar un produto en calquera delas. Deste modo, conséguese un significativo aumento da capacidade de fabricación e de produtividade, así como da dispoñibilidade da compañía para adaptarse ás cambiantes condicións do mercado e ás esixencias de clientes con perfís moi diferentes.

PUBLICIDADE