As 2.000 horas de gravacións do Arquivo Do Galego Oral serán envorcadas na Rede

luns, 30 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

O traballo de preservación da nosa identidade e do noso pasado que está a despregar en materia de rexistros sonoros o Instituto da Lingua Galega dende comezos dos anos 70 vén de recibir un novo pulo para acadar visibilidade definitiva na Sociedade da Información. Máis polo miúdo, cómpre sinalar que se trata do resultado dun inxente labor de recompilación de entrevistas con 7.000 veciñas e veciños da nosa terra, encontros que deron como resultado arredor de 2.000 horas de gravacións. Este Arquivo do Galego Oral, que vén collendo forma dende o ano 1974, comezará en breve unha nova andaina na Internet, onde se porá totalmente a disposición da comunidade.
Para isto, contará co apoio de institucións como a Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoio que servirá entre outras cousas para a posta en marcha dunha nova páxina web que lles dea difusión xeral ás gravacións, das que xa podemos ver un exemplo na web actual do Arquivo.
Así o deu a coñecer os días pasados o responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, que afondou na necesidade de que “os investigadores sobre a lingua galega deben facer visible o seu traballo para que este poida ser apreciado e tamén para que resulte útil para a sociedade”. Ao seu xuízo “cómpre darlle difusión, uso e valor social a ese esforzo investigador”, polo que cualificou de máximo interese que “o AGO teña a súa propia páxina web onde as gravacións resulten accesibles para todo o mundo”.
Por certo que a colaboración da Secretaría Xeral co ILG (que se remonta a 2007) vai alén do apoio ao rexistro sonoro, materializándose tamén noutros proxectos como o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, a edición e elaboración dos materiais galegos do Atlas Lingüístico da Península Ibérica e o Atlas Lingüístico Galego, entre outros.
Na presentación dos traballos do Instituto, celebrada no Pazo de Fonseca en Santiago, tamén se deu a coñecer a devandita escolma dos etnotextos que o ILG ten dispoñibles xa na súa páxina web, albergada dentro do miolo dixital da USC. Amais de Anxo Lorenzo, tamén concorreron na presentación o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long; o director do AGO, Francisco Fernández Rei; e a subdirectora, Carme Hermida Gulías.

PUBLICIDADE