As Crebas de Miro Villar, mellor blog galego do ano

luns, 7 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

As Crebas, de Miro Villar, foi escollida pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) como a mellor bitácora literaria do ano. O caderno en liña, dende se nos ten puntualmente informados de novidades editoriais galegas e (tamén) do que se lanza ao mercado das letras dende a outra beira do Miño e outras terras irmás, compartiu recta final no certame da AELG con Caderno da crítica (de Ramón Nicolás), e Criticalia (de Armando Requeixo), a quen Miro Villar, na entrega destes premios, felicitou polo seu importante labor informativo amais de “recomendalos vivamente”.
Coa posta en marcha de As Crebas, caderno nado o pasado 28 de xuño (o mesmo día no que desapareceu dos quioscos Galicia Hoxe, segundo engadiu Villar), o autor quixo pór o seu gran de area no proceso de recuperación dos medios en galego, un proceso que dun tempo a esta parte estableceu certo cariz positivo, co xurdimento de Dioivo, Praza Pública e Sermos Galiza, apuntou Villar na súa intervención.
Xa nun plano non dixital e segundo se conta (precisamente) dende Praza Pública, a Cea das Letras da AELG, unha vez máis o marco elixido para a achega oficial dos galardóns, saldouse co importantes premios a Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés ou Antón Riveiro Coello nas categorías de literatura infantil e xuvenil, poesía e narrativa. O galardón á mellor obra dramática recaeu en Raúl Dans por Chegamos despois a unha terra gris. Asemade, recoñeceuse o labor dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino, así como os servizos dos concellos por contribuíren á difusión literaria. Amais disto, José Luís Sampedro foi galardoado como Escritor Galego Universal.

PUBLICIDADE