As HoloLens de Microsoft chegan oficialmente a España

xoves, 2 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A tecnoloxía de realidade mixta proposta por Microsoft coas súas HoloLens son unha porta a un mundo de oportunidades que non estaba aberta para todos, resultando bastante complicado o seu acceso dende Europa, onde había poucos partners para axudar ao desenvolvemento de aplicacións para esta prometedora plataforma, peor a situación está a mudar, e Microsoft anunciou en Londres no marco do evento Futured Decoded a ampliación da dispoñibilidade de HoloLens a 29 novos países de Europa: Austria, Bélxica, Bulgaria, Croacia, Chipre, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía, Suecia, Suíza e Turquía.
Esta tecnoloxía afástase bastante do que estamos a ver actualmente coa realidade virtual, ou sexa, que non persegue o lecer, senón usos industriais ou moi especializados, como axudar en quirófanos ou aplicarse en fábricas, onde os cascos de realidade mixta poden axudar na realización de tarefas cruciais dun xeito máis rápido, seguro e eficiente, xa que o sistema presenta información de utilidade sobre os obxectos reais, sen interromper a visión normal e funcionando en mans libres.
Para o seu uso industrial resulta importante o feito de que as HoloLens veñen de superar as probas básicas de impacto para lentes protectoras, á vez que tamén conta con certificación IP50 contra o po e contará a primeiros do ano que vén cun casco protector no que poidan integrarse as HoloLens, favorecendo así o seu uso industrial efectivo.
En calquera caso, o acceso ás HoloLens de Microsoft non resulta económica, custando a versión para desenvolvedores 3.000 dólares, e a versión comercial 5.000 dólares.

Vídeo no que podemos ver a aplicación industrial das HoloLens

PUBLICIDADE