As TIC constitúen un dos eixos do programa Xuventude Mentoring na Empresa

venres, 18 de agosto do 2023 S. P.

Até nove entidades privadas sen ánimo de lucro e tres concellos (a agrupación formada por Camariñas, Muxía e Vimianzo) participarán na primeira edición do programa Xuventude Mentoring na Empresa, impulsada por Xuventude (Xunta). O obxectivo desta iniciativa é “facilitar a mozas e mozos estadías formativas de ata tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos en Galicia e que melloren as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral”. Entre estes sectores inclúese o das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
O Xuventude Mentoring na empresa busca tamén reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais de xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Esta proposta está financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020.
As propostas beneficiadas das achegas deben contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de ata tres meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concede a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 120.000 euros.
Na achega inclúese unha bolsa de formación por mozo participante dun mínimo de 630 euros mensuais, que se poderán incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para os mozos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, as persoas participantes contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego cun mínimo de 20 horas lectivas e cun titor encargado do seguimento da súa estadía.
As empresas ou entidades públicas ou privadas en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia, e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovábeis, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda, Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), e calidade de vida e benestar.

PUBLICIDADE