As TIC para mellorar o goberno das cidades, eixo dun seminario en Lugo

martes, 17 de xuño do 2014 Redacción

Mañá, mércores 18 de xuño, terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo un seminario sobre Goberno aberto na provincia de Lugo. O programa comezará ás 10.30 coa conferencia de Carles Ramió Matas, da Universitat Pompeu Fabra, falando da transparencia e o goberno aberto na xestión pública local e continuará da man de Agustí Cerrillo i Martínez, da UOC, abranguendo a situación actual e perspectivas de futuro do goberno electrónico.
A partir das 13.00 horas, o docente da Universidade de Bath (Reino Unido) Manuel Souto Otero proporá unha reflexión sobre a incidencia das acción de goberno electrónico nas políticas educativas. Ás 16.30 horas, Victoria Alsina Burgués, da Universitat Pompeu Fabra, presentará o relatorio Educación aberta e plataformas educativas en Internet. Esta primeira xornada completarase coa celebración dunha mesa redonda adicada ao eLearning e futuro do ensino superior, na que intervirán Pablo Muñoz Carril e Celestino García Ares, da USC, e Roser Beneito Montagut, da Cardiff University e da UOC.
Cómpre dicir que este seminario está organizado polo grupo de Investigación Social e Políticas Públicas da USC (ISOPOLIS) xunto coa Deputación de Lugo de cara a tratar a incidencia das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) na acción de goberno e a posta en marcha de políticas de goberno aberto encamiñadas á mellora do benestar da cidadanía. Esta acción formativa fará fincapé no desenvolvemento do e-Goberno no eido local e na xeración de proxectos de cidades intelixentes e socialmente responsábeis en termos de compromiso, transparencia e edificación dunha cidadanía implicada na acción das administracións locais.
O evento -dirixido polo vicedecano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas Lorenzo- contará coa presenza de destacados expertos en xestión pública, goberno aberto e novas tecnoloxías. O seu obxectivo será a creación dun espazo para o achegamento e o debate entre responsábeis políticos, cidadáns e empregados públicos arredor do fenómeno da difusión das TIC dos gobernos e a cidadanía, atendendo especialmente ao eido local.
Senlleiros especialistas en xestión pública abordarán aspectos como a participación cidadá como ferramenta fundamental dos gobernos intelixentes, as posibilidades que achegan as novas tecnoloxías para a mellora da xestión dos servizos públicos ou as smart cities, as cidades intelixentes e socialmente innovadoras.

PUBLICIDADE