As Xornadas Política2.cero presentan o seu programa completo

mércores, 7 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

As Xornadas Política2.cero, das que vimos falando nesta web para dar conta das incorporacións ao seu programa ou dos seus obxectivos, veñen de dar a coñecer o seu programa completo, unha folla de ruta de relatorios e mesas redondas que pon de manifesto cales serán os eixes temáticos fundamentais destes encontros a celebrar en Santiago os días 14 e 15: a comunicación e a promoción en liña como sectores estratéxicos. O evento, que segundo apuntan dende a organización será o máis importante da tempada, a nivel nacional e dentro do seu ámbito, acollerá a un bo número de expertos en consultoría política e promoción en Internet a través das canles 2.0, tratándose en detalle cuestións específicas como as posibilidades destas ferramentas para acadar a máxima repercusión dunha campaña electoral ou a capacidade que temos como cidadáns de participar dixitalmente na vida pública.
Segundo informa o equipo da organización, o abano de relatores que incorpora o programa recentemente completado presenta tal amplitude profesional de procedencias que case con toda seguridade non ficará por tratar ningunha cuestión relativa á nova Sociedade da Comunicación. Amais de especialistas nestes eidos temáticos como Esther Checa, Antoni Gutiérrez, Carlos Gutiérrez ou Ricardo Maturama, tamén haberá representantes políticos con experiencia ampla nas redes sociais, como o alcalde de Jun, Antonio Rodríguez, ou mesmo a vicepresidenta da Asemblea de Madrid, Cristina Cifuentes.
Asemade, o evento compostelán dará acubillo, entre outras moitas cousas, a unha mesa redonda onde se afondará polo miúdo na potencialidade das canles 2.0 na promoción de produtos e servizos, unha mesa que contará coa presenza de Javier Piedrahita, Paz Pérez Pernas, Javier Recuenco, Nacho de Francisco e Alberto Seoane. Lembrar tamén a organización incluíu na súa axenda a prestixiosos representantes da estratexia política dixital en Hispanoamérica, como Javier Sánchez Galicia, Felipe Benítez ou Eduardo Congrains.

PUBLICIDADE