As Xornadas de Automática comezan este mércores en Ferrol

martes, 3 de setembro do 2019 Redacción

Hoxe celebrouse a sesión previa (a antesala do programa de actividades) das XL Xornadas de Automática que se desenvolven a partir deste 4 de setembro (até o venres 6) a Escola Universitaria Politécnica do Campus de Ferrol. A xeira de hoxe, unha rolda de presentación, levouse a cabo no Consistorio ferrolán e contou coa presenza da vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, a concelleira de Facenda e Promoción Económica, Maite Deus Trasobares, e o profesor e coordinador das xornadas José Luis Calvo Rolle. A información ao completo do evento estatal (pero con recalada galega) témola na súa páxina web.
Na súa intervención, Araceli Torres agradeceulle ao grupo de traballo que dirixe o Comité Español de Automática que “elixise Ferrol” e a súa contorna universitaria como “punto de encontro para máis de 250 profesionais da automática, dos ámbitos da investigación, da docencia e da empresa”. Pola súa banda, a concelleira de Facenda e Promoción Económica, Maite Deus Trasobares, explicou que estas xornadas son “un recoñecemento” ao campus e o profesor José Luis Calvo Rolle salientou que “é unha honra e un privilexio que a cidade acolla un evento destas características”.
A inauguración das XL Xornadas de Automática será este mércores 4 de setembro, ás 16:30 horas, no salón de actos da Escola Universitaria Politécnica. Despois do acto inaugural celebrarase a primeira das conferencias plenarias a cargo do catedrático da USC, Ángel Carracedo. As outras dúas intervencións plenarias serán impartidas no transcurso das xornadas polo profesor Paulo Leitao, do Politytechnic Institute of Bragança, e Amparo Alonso e Richard Duro, da Universidade da Coruña. Tal e como salientou o coordinador das XL Xornadas de Automática, José Luis Calvo Rolle, todas a conferencias plenarias están abertas ao público e non é preciso inscribirse para asistir ás mesmas.
En termos concretos, os piares temáticos das xornadas son a bioenxeñaría, a educación en automática, a robótica, a visión por computador ou a enxeñaría de control, todo complementado cun espazo empresarial para que as firmas do sector luzan achados.
Segundo lembra a organización, o programa inclúe unha competición CEABOT, concurso de robots humanoides para alumnado de grao e posgrao das universidades españolas. Así mesmo, tamén terá lugar o concurso PRODEL de control intelixente.

PUBLICIDADE