As actividades recentes de CPAE 2.0 xuntaron máis de medio milleiro de persoas

mércores, 6 de abril do 2016 Redacción

A fachada do punto CPAE 2.0 de Lalín

A Deputación de Pontevedra vén de facer reconto da actividade desenvolvida formativa pola súa rede CPAE 2.0 no período comprendido entre setembro de 2015 e marzo de 2016. Segundo informa, a asistencia media aos emprazamentos da rede (seis centros en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño) triplicouse ao longo dos ditos meses, principalmente por mor das reunións complementarias mantidas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, cos axentes sociais e empresariais da provincia. Estas xuntanzas dirixíronse en boa media a atopar novos vieiros de colaboración e de implicación para tirar o máximo partido da capacidade de formación TIC das sedes de CPAE e os profesionais que acubillan (técnicos especializados en novas tecnoloxías).
Cómpre lembrar que a rede CPAE 2.0 presta servizo de información a autónomos e PEME da provincia de Pontevedra, ofertando unha serie de actuacións para potenciar o desenvolvemento económico a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación dos procesos produtivos e servizos, facilitar a implantación do comercio electrónico e crear unha nova canle de venda en liña de produtos e servizos.
Para acadar os seus obxectivos, o CPAE 2.0 ofértalles aos seus destinatarios (un colectivo integrado por 64.000 autónomos e PEME da provincia de Pontevedra que constitúe o 92 % do tecido empresarial desta), unha serie de eventos informativos innovadores. Nos últimos seis meses a asistencia media dos eventos formativos do CPAE 2.0 triplicouse ata chegar ao medio millar de persoas, ao abeiro das reunións mantidas pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cos diversos axentes sociais e empresariais para impulsar este proxecto que, en palabras da responsábel da entidade provincial, “goza hoxe da maior repercusión desde que comezou a súa andaina”.
En relación co dito, informar que o último evento formativo desenvolvido, unha completa achega ás vantaxes de comercializar os servizos e produtos das PEME nas redes sociais, acadou máis de 40 solicitudes de reserva, o que obrigou a institución provincial a reeditalo o vindeiro 19 de abril.
Os interesados en inscribirse nos eventos formativos poden obter maior información do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 na web www.cpae20.depo.es.

PUBLICIDADE