As apostas copan a publicidade na App Store provocando unha grande indignación

xoves, 27 de outubro do 2022 Marcus Fernández

A dobre vara de medir de Apple é algo que de cando en vez resulta demasiado rechamante, até chegar a provocar escándalos e crises de reputación, e iso mesmo aconteceu nos últimos días, por mor da súa política publicitaria, pois a compañía da mazá non para de tomar medidas para dificultar a explotación publicitaria por parte de xigantes como Google e Facebook argumentando a protección da privacidade dos usuarios, pero logo, explota publicidade nas súas propias plataformas sen ningún escrúpulo, o que provocou unha grande indignación aos desenvolvedores de aplicacións nos últimos días.
Apple mudou a publicidade na App Store, e como consecuencia moitas aplicacións presentan na súa ficha publicidade de aplicacións de apostas en liña e casinos, indignando aos desenvolvedores, que non entenden como a compañía como milleiros de millóns de dólares en caixa ten que recorrer a este tipo de prácticas.
Pero non só hai rexeitamento por parte de desenvolvedores que persoalmente non queren que as súas creacións teñan ningún tipo de ligazón coas apostas, senón que incluso detectaron anuncios de apostas en aplicacións destinadas a nenos e incluso en aplicacións para axudar a recuperarse da ludopatía, de aí que consideren que a publicidade está a corromper profundamente a App Store, e non foi até que as protestas foron masivas e acadaron visibilidade mediática cando Apple reaccionou, conxelando a publicidade relativa a apostas e outras categorías.
Aínda non se sabe que fará Apple a longo prazo con este problema, pero o certo é que hai anos que se critica que a compañía de Cupertino dea acubillo a aplicacións de apostas en liña na súa plataforma cando, por outro lado, prohibe calquera aplicación con contidos para adultos (pese a contar cun sistema restrición por idade), resultando nunha postura moi difícil de defender, da que podemos entender que Apple non ten reparos cando un negocio move moitos cartos, contradicindo as súas manifestacións públicas nas que argumenta constantemente que a súa prioridade e a protección dos seus usuarios.

PUBLICIDADE