As bibliotecas poderían ser motor do libro electrónico

mércores, 28 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Cando falamos dos libros electrónicos non son poucos os que pensan que poderían facer desaparecer as bibliotecas a longo prazo, pois un establecemento físico perdería relevancia sen o soporte de papel, pero polo momento parece detectarse un movemento en dirección contraria, axudando os e-books a lembrar as bibliotecas, pois cumpren cunha función de evanxelización nos lectores de libros electrónicos e incluso algunhas bibliotecas británicas están a ofrecer xa e-books aos seus socios cun importante éxito.
Os socios de bibliotecas de Luton, Essex e Windsor & Maidenhead poden visitar as súas páxinas web e dende as mesmas descargar copias dixitais de libros que poden transferirse a dispositivos coma o Sony Reader, o iLiad ou o COOL-ER (non son compatibles co Kindle de Amazon) ou mesmo lerse dende o PC, borrándose automaticamente ao pasar 14 días, de xeito que evitan as demoras na devolución dos textos á vez que os editores poden entender que os préstamos non son unha ameaza importante á compra de contidos.
Precisamente os editores serán chave na evolución das bibliotecas, pois en varios casos están a negar a posibilidade de que os seus e-books poidan emprestarse (lembremos que o Nook de Barnes & Noble tamén permite a opción de deixar textos aos amigos durante un período de 14 días, e B&N tivo que precisar que tal funcionalidade non é universal).

PUBLICIDADE