As bromas inundan a Rede co gallo do Primeiro de Abril

martes, 1 de abril do 2014 Marcus Fernández

ThinkGeek puxo a venda hoxe un capacitador de fluzo

Un ano máis, ao chegar o Primeiro de Abril, moitos son os bromistas que aproveitan a data para amosar o seu enxeño, non só con bromas de mal gusto, senón tamén con invencións realmente curiosas que destacan especialmente no sector tecnolóxico, como en tendas como ThinkGeek, que todos os anos inclúe na súa portada numerosos obxectos absurdos á venda como unha máquina para facer medrar a barba, un curso informático para aprender a falar Klingon e, moi especialmente, un condensador de fluzo para o automóbil (que non sería outra cousa que un cargador USB para o acendedor con forma do sistema de alimentación do coche que viaxaba no tempo nas películas de Regreso Al Futuro).


Vídeo promocional do capacitador de fluzo de ThinkGeek

Renovación do Nokia 3310


A xente de Nokia tamén demostraría a súa xenialidade anunciando unha revisión do seu clásico Nokia 3310 (que vendera máis de 125 millóns de unidades), móbil ao que incorporarían o sistema operativo Windows Phone 8 e unha cámara PureView de 41 Mpíxeles. Este terminal que incluiría as especificacións técnicas máis avanzadas, destacaría por incluír catro xogos precargados: Snake II, Pairs II, Space Impact e Bantumi, así como un corversor de moedas e os tons de chamada orixinais que agradarían aos máis nostálxicos. Pese a ser unha broma, non son poucos os internautas que manifestaron que estarían interesados en adquirir un terminal así de fabricarse realmente.

O dedo robotizado é unha tolería que saíu das mentes dos traballadores de Google no Xapón


Dende Google non se conformaron con anunciar o Desafío Pokémon, senón que tamén anunciaron un dedo robotizado para poder manexar a distancia dispositivos con pantalla táctil e unha impresionante actualización do sistema automático de mellora de fotografías de Google+, que engadiría ás nosas imaxes a David Hasselhoff facendo de espontáneo.


O dedo robotizado de Google en acción

Ao subir as nosas fotografías a Google+ poderemos melloralas engadíndolles a David Hasselhoff marcándose un espontáneo


O servizo de Gmail tamén estaría a presumir de innovación, presentando o Gmail Shelfie, que sería o SHareable sELFIE, unha solución que buscaría atender á demanda dos usuario de colocar auto-fotos como temas de fondo de Gmail, pero permitindo que os propios usuarios poidan compartir as súas imaxes cos seus amigos para ambientar a aparencia do servizo de correo electrónico de Google.

Gmail Shelfie, a personalización do correo de Google marcando tendencia


Aínda que posiblemente as cousas máis absurdas que puidemos ver nas últimas horas chegan dende o Xapón, onde chegaron a mudar a páxina web da revista de comics Shonen Jump (onde publicaban as series orixinais de Son Goku, One Piece, Yu-Gi-Oh!, Naruto e moitos outros mangas de éxito) para convertela na revista para mozas Jumpteen; presentaron un curioso trebello, o Keboarm, que permitían converter o noso antebrazo nun lector de manga; a propia SEGA amosa uns lentes chamados MEGAne DRIVE, con aparencia da clásica Mega Drive (megane significa lentes en xaponés); e incluso Yahoo! presentou un servizo de conectividade Wi-Fi para buscas (eses precursores das mensaxes de texto que tiveran sona entre os mozos a primeiros dos 90).

A Shonen Jump disfrazouse hoxe de revista para rapazas

O Keboarm permitirá empregar o antebrazo como lector de manga

SEGA propón unhas absurdas MEGAne DRIVE

Yahoo! anuncia un servizo Wi-Fi para buscas

PUBLICIDADE