As canles de Digital+, dispoñibles agora tamén a través de Movistar

martes, 3 de marzo do 2009 Raquel Noya

Aqueles e aquelas que pensabamos que coa chegada de Internet a televisión iría desaparecendo paseniñamente, non podiamos estar máis equivocados. Nos tempos que corren, a televisión, ademais de empregar a Rede como un complemento para seguir os programas máis intensamente (pensemos no grande éxito e repercusións que tivo a última edición do reality Gran Hermano en Internet), estase a incorporar aos móbiles case tan rapidamente como o fixo no seu día a cámara de fotos (hoxe un elemento imprescindible nos dispositivos de última xeración).
Tal é así que a a plataforma de televisión para dispositivos móbiles Digital+movil xa está dispoñible na oferta do portal de contidos Movistar emoción, cun total de 25 canles distintas, que se poden disfrutar comodamente dende os terminais de Movistar.
O servizo tamén está dispoñible para os operadores de Vodafone e Orange e ofrece emisión durante as 24 horas do día de tódolos xéneros dispoñibles: cine, entretemento, deportes, música, infantil/xuvenil, informativos e cine adulto.
Asemade, once destas canles ofrécense en directo e mostran a mesma programación que os clientes de Digital+ poden ver na televisión da súa casa.
Aínda que a oferta pode variar dependendo da operadora, os clientes de Movistar con teléfonos 3G poderán disfrutar durante os dous próximos meses do paquete Digital+móvil totalmente de balde, mais, a partir de maio terán que pagar unha cota de 5 euros para poder acceder ao servizo.

PUBLICIDADE