As charlas TEDxGalicia deste sábado inclúen programación aberta pola mañá

venres, 18 de setembro do 2015 Redacción

Este sábado celébranse na Cidade da Cultura as charlas TEDxGalicia, edición 2015, unha nova andaina de faladoiros abeirados á dita marca-distintivo e que constitúe “unha edición especial” centrada na cultura e na creatividade e conectada cos obxectivos do Centro de Emprendemento do Gaiás (colaborador do evento). A nova edición dos encontros desenvolverase pola tarde no Museo Centro Gaiás, incluíndo, perante “a extraordinaria resposta do público”, unha programación complementaria pola mañá, aberta a todos os que desexen asistir e non conseguiron mercar unha entrada.
Co título Realidades trala percepción, esta edición de TEDxGalicia conflúe (como dixemos) coa actividade do Centro de Emprendemento do Gaiás, un espazo no que máis de duascentas persoas están impulsando proxectos empresariais innovadores no coworking, no viveiro de empresas ou no espazo de crowdworking Galicia Open Future. Os faladoiros desenvolveranse entre as 16 e as 20 horas de mañá.
Os relatores de TEDxGalicia 2015 serán o investigador xurídico da USC, Miguel Vieito; a co fundadora da empresa de nanotecnoloxía Nanogap, Tatiana López; o activista Lucas Requejo; a traballadora social Cristina Palacios; o radiólogo Roberto García; Fátima Ezzahra; o creador do espazo de coworking madrileño utopic_US, Rafa de Ramón; a mestra fundadora de Realkiddys, Alba Alonso; e o docente Manel Rives, especializado en bLearning e mLearning. Un completo cadro de participantes, nos que destaca o carácter tecnolóxico de moitos dos seus proxectos.
Este tipo de encontros TED, lembra a organización, xurdiron nos Estados Unidos e logo acadaron unha difusión a escala mundial “sen precedentes” ao combinar un formato creativo, con intervencións breves e un panel de oradores integrado por xente como Bill Gates, Bill Clinton, Jane Goodal, Frank Gehry, Paul Simon, Philippe Starck ou Bono. “A idea TED”, engaden, “espallouse rapidamente xerando unha comunidade internacional de millóns de seareiros, conectados grazas á difusión que estas charlas teñen a través das redes sociais, con plataformas como Youtube onde se poden atopar vídeos TED grabados en cen idiomas diferentes”.
Para quen queira ver o programa de actividades, teno á súa disposición nas web cidadedaculturaga.gal e tedxgalicia.com, nas que se detalla tamén o perfil dos relatores que participarán. Ademais, os vídeos de todas as charlas estarán en poucos días a disposición de quen desexo velos a través da canle de Youtube de TEDxGalicia. Por certo que a anterior edición deste programa de faladoiros na nosa terra tivo lugar en Carballo, baixo o lema Faino ti mesmo e cun bo número de representantes do sector das tecnoloxías e a innovación.

PUBLICIDADE