As clases de IESIDE pasan a ser cen por cen online por mor do COVID-19

xoves, 12 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

IESIDE, a escola de negocios e innovación de Abanca con campus na Coruña, en Pontevedra e en Vigo, vén de anunciar a extensión da modalidade interactiva e a distancia, dende este xoves 12 de marzo, para todas as súas clases. A medida, tomada por mor do COVID-19, diríxese a minimizar o posíbel impacto de proliferación do virus favorecendo a aprendizaxe a distancia e evitando reunións de alumnos e desprazamentos.
A decisión apóiase na ampla operatividade potencial da plataforma online do instituto universitario, en palabras de Abanca “unha tecnoloxía innovadora desenvolvida e implementada recentemente que permite aos estudantes conectarse e interactuar por vídeo dixitalmente (vídeo sincrónico) dende os seus domicilios coa mesma calidade que nos formatos presenciais”, mantendo así o habitual ritmo de traballo académico.
A actividade presencial fica aprazada temporalmente nos campus de IESIDE da Coruña, Pontevedra e Vigo, así como nas unidades satélites situadas nas cidades de Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela.
A dirección de IESIDE lembra que se trata dun instituto universitario con capacidade suficiente para facer fronte aos novos xeitos de comunicación e aprendizaxe que se derivan das circunstancias actuais: “A nosa visión de futuro permítenos ofrecer a todos os nosos estudantes a oportunidade de continuar os seus cursos académicos con normalidade desde contornas remotas, minimizando, con iso, a afluencia de persoas en espazos pechados”.


PUBLICIDADE