As declaracións da concursante galega de GH en contra da nosa lingua anoxan á comunidade internauta

martes, 15 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O primeiro que un xornalista calquera soe facer un luns, 14 de febreiro, ao chegar á redacción e abrir a súa conta de correo electrónico, son mensaxes relacionadas con San Valentín (as máis delas con feitura de correos non desexados que se apuran a borrar antes de que poidan estragar unha mañá de luns xa de por si difícil de levar). Porén, para sorpresa de moitos (e non grata) a mañá de onte foi unha mañá distinta, onde as entradas sobre o día dos namorados eran eclipsadas polo vídeo dunha concursante galega do Gran Hermano que esbardallaba sen reparo contra os galegofalantes, cualificándoos, entre outras lindezas, de “paletos”, “brutos” ou mesmo “ignorantes” (referíndose con este adxectivo ás persoas que teñen gheada e seseo na súa fala).
Marta, como se coñece a esta personaxe do reality de Tele 5, cóntalle á súa compañeira que a xente moza non adoita falar galego, agás os nacionalistas, que, malia “saber” falar castelán, “deciden falar en galego”.
A moza coruñesa non queda aí e incluso chega a asegurar que nunha ocasión lle presentaran a un mozo guapo pero en canto viu que falaba galego lle dera un “bajón”.
Como era visto, as reaccións en Internet non se fixeron agardar e os usuarios galegos de Facebook apuraron a crear eventos e grupos nos que se evidencia o malestar xerado na comunidade galega por mor das desatinadas declaracións da moza.
Grupos como Marta López (Gran Hermano) fóra de Galicia! Petarda; Eu tamén creo que os pais de Marta de Gran hermano eran irmáns; Marta López fóra de gran hermano por insultar a nosa lingua!!!; Plataforma pro expulsión de Marta, la gallega de Gran Hermano… son só unha pequena mostra de todo o que se está a cocer nas redes sociais, á que hai que engadir un evento creado para desprestixiar á concursante galega, que terá lugar o vindeiro luns, 28 de febreiro na Rede, e que leva por nome
Todos os galeg@s contra Marta de GH. Por RIRSE DA NOSA LINGUA!!!.
Se é que ó final, o que menos importa é se se fala ben ou mal, galego ou castelán (que cada un é libre de falar o que queira) o malo é esbardallar, que como recolle o Dicionario da Real Academia Galega é “falar moito dicindo parvadas”, e moito peor aínda é facelo en público e perante as cámaras, que iso queda gravado e despois a comunidade internauta veo e cabréase.


As polémicas declaracións sobre a lingua galega en Gran Hermano

PUBLICIDADE