As expertas debateron en Ourense sobre como as TIC poden afectar ao dereito á intimidade dos traballadores

mércores, 11 de abril do 2018 Redacción

Hoxe pola mañá celebráronse na Facultade de Dereito do Campus de Ourense uns encontros que puxeron de relevo a importancia de protexer o noso dereito á privacidade e a información persoal das traballadoras e traballadores dunha empresa, por moito que vivamos nunha sociedade dixital onde todo tende a estar conectado e compartindo datos a tempo continuo. As Xornadas Dereito á Intimidade e Protección de Datos no Ámbito Laboral viñeron da man da dita facultade, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. Xuntaron unha manchea de profesionais dos eidos da xudicatura, a universidade e a inspección de traballo, e máis representantes das organizacións sindicais e empresariais máis sobranceiras en Galicia co obxectivo de analizar o estado actual da protección da información persoal dos equipos de traballo e os inminentes cambios normativos.
O encontro foi inaugurado polas responsábeis das devanditas entidades, Marta Fernández, Verónica Martínez e Susana Soneira, respectivamente. Segundo sinalaron, a decisión de abordar esta cuestión débese á importancia que recobrou nos últimos anos, polo espallamento dos medios dixitais, a cuestión do tratamento, límites e ámbito da intimidade na relación laboral.
Segundo se lembrou nas xornadas, o artigo 4.2.e) do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras dispón que na relación de traballo, os traballadores e traballadoras teñen dereito ao respecto da súa intimidade e á consideración debida á súa dignidade. Ademais, o artigo 20.3 desta norma establece que o empresario ou empresaria poderá adoptar as medidas que estime máis oportunas de vixilancia e control para verificar o cumprimento polo traballador ou traballadora das súas obrigas e deberes laborais, gardando na súa adopción e aplicación a consideración debida á súa dignidade.
Yolanda Maneiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela encargada de arrancar a quenda de intervencións, salientou que o impacto das novas tecnoloxías “pon en xaque” dereitos fundamentais do traballador e traballadora como son a intimidade e a protección de datos. “O límite do control do empresariado estarían”, apuntou recorrendo ao sinalado polo Tribunal de Dereitos Humanos da UE, “no principio de proporcionalidade, no requisito de necesidade e na idoneidade da medida de control, entre outros aspectos”.
Durante a xornada tamén se afondou no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, Regulamento Xeral de Protección de Datos, que entra en vigor o vindeiro 25 de maio e que segundo se destacou na xornada “vai cambiar o panorama da protección de datos para as empresas, que deberán ser máis dilixentes no axeitado” tratamento de datos persoais. Segundo se fixo saber, “no ámbito da relación laboral vai desenvolver efectos importantes, posto que introduce novidades en relación co reforzo do consentimento, un máis esixente deber de información, a obriga de notificar os fallos de seguridade ou un encarecemento das sancións polo incumprimento, que van depender do volume de facturación da empresa”, detallaron desde a organización da xornada.

PUBLICIDADE