As futuras sedes de Caixanova en Santiago centrarán parte do seu labor na difusión das novas tecnoloxías

venres, 8 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Caixanova vai reforzar a súa presenza en Compostela e semella que o vai facer ó grande, tanto en ambición coma no tamaño físico desa presenza. Concretamente, o proxecto baséase en rehabilitar dous inmobles históricos (o da antiga sede do Banco Gallego na praza de Cervantes e o dos antigos almacenes El Pilar, na rúa Preguntoiro) e en darlles unha feitura acorde ós novos tempos pero respectando o seu pasado.
Nos edificios, que acollerán o Centro Social Caixanova (o de Cervantes) e o Centro Cultural (o do Preguntoiro), as novas tecnoloxías da información terán un papel salientable, sobre todo no que se refire a poñelas ó alcance dos cidadáns.
Na imaxe, a vindeira face da antiga sede do Banco Gallego.
Así o fixo saber estes días a entidade financeira galega ó respecto do seu futuro uso e máis detalladamente na presentación dos proxectos celebrada este venres en Santiago, na que participaron o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo.
A través da información achegada nesta convocatoria (na que tamén se presentaron recreacións virtuais das fachadas e do interior dos edificios logo de seren sometidos á rehabilitación) puidemos saber que o Centro Social estará dedicado principalmente á promoción da arte, o patrimonio, a integración social, a mocidade, o emprego e, en boa medida, as novas tecnoloxías da información.
O recinto do Preguntoiro, pola súa parte, albergará un auditorio para 700 persoas “pensado para acoller as máis diversas manifestacións das artes escénicas e musicais”, sinalou Caixanova. A entidade tamén fixo fincapé no feito de que ambos proxectos non van ser do seu uso exclusivo, senón que estarán abertos tamén ás actividades que organice a cidadanía de Santiago.

PUBLICIDADE