As investigadoras mostran ao alumnado da USC como actuar ante casos de ciberacoso

mércores, 12 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Usuario dun dispositivo móbil nunha imaxe de Santi Alvite

Co gallo do do Día Internacional da Internet Segura 2020, a Facultade de Ciencias da Educación acolleu un foro para sensibilizar ao alumnado na necesidade de fomentar, a título individual e colectivo, unha Sociedade da Información inclusiva, respectuosa, confiábel e protexida. A primeira edición da Xornada de educación na cidadanía dixital responsábel contou coa presenza de expertas en ciberseguridade, que compartiron os seus coñecementos co alumnado, convidándoo a aplicar medidas que garantan unha Internet mellor para todas a todos. A cita desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: Unha Internet mellor comeza hoxe contigo: asumindo o desafío educativo.
Ademais de Jose María Lozoya Pérez, cibercooperante do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), quen centrou a súa intervención na análise dos desafíos que implica o uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, o foro contou coa presenza do profesor José Julio Fernández Rodríguez, director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, relatorio no que se salientou a necesidade de ter presente o vínculo entre a protección de datos e a dignidade das persoas.
De seguido, Marta Andrade Blanco, representando a UNICEF, expuxo algúns dos datos derivados dos estudos realizados dende a entidade sobre o uso das novas tecnoloxías na nenez e a adolescencia, centrándose nos factores de risco e protección.
O peche correu a cargo de catro investigadoras do Grupo Esculca (Diana Priegue, Leticia López-Castro, Cristina Varela e Laura García), que desenvolveron un obradoiro que xirou arredor das mellores metodoloxías para atallar un problema de ciberaocoso dende o ámbito pedagóxico, pondo o foco na necesidade de traballar tanto cos mozos e mozas, como coas familias, “sen esquecer a pertinencia de contar co apoio e colaboración dos profesionais dos centros educativos”.
Esta actividade estivo organizada dende o Grupo de Investigación Esculca, en colaboración co Centro de Estudos de Seguridade, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), e UNICEF; baixo a dirección de Diana Priegue e Leticia López-Castro.

PUBLICIDADE