As mensaxes das nosas conversas de WhatsApp poderanse borrar de xeito automático

xoves, 5 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Iniciamos a semana dando conta da aparición das mensaxes temporais nas páxinas de soporte de WhatsApp, anticipando unha funcionalidade da aplicación de mensaxería que por fin é oficial, presentándose como unha opción para diferenciar as conversas cos nosos achegados (que podemos querer manter a longo prazo) co resto de comunicacións que establezamos a través de WhatsApp (que non teñen por que manterse a perpetuidade), de xeito que deixan na man do usuario a opción de facer que as mensaxes dunha conversa desaparezan de xeito automático transcorridos 7 días, facendo así que estas conversas poidan ser máis lixeiras e máis privadas.
Lembran que no caso dos grupos serán os administradores os que poderán definir se unha conversa está composta por mensaxes temporais, prestación que confían que chegue a todos os usuarios de WhatsApp ao longo do presente mes.
Dende WhatsApp decidiron fixar a duración das mensaxes en 7 días por entender que así poden transmitir a sensación de que as conversas non son permanentes, á vez que poden ser prácticas, de xeito que non se perderían antes de tempo datos que aínda poderían resultar precisos como un enderezo, unha listaxe da compra ou outra información que non fose para un uso inminente.

PUBLICIDADE